Cales son os retos do libro galego? Cales as súas apostas? Como de diversos os seus perfís? A que públicos lles falta por chegar? E, moi especialmente, que espazo teñen o lectorado e o libro galego nelas? Estas son algunhas das preguntas ás que pretende responder a xornada “As librarías, un ecosistema posible para o libro galego” que organiza este mércores (a partir das 16:30 horas) a Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do Consello da Cultura Galega (CCG). A cita, coordinada por Montse Pena e Rosalía Fernández Rial, pódese seguir en directo desde o web da institución e a súa canle de Youtube.
11/03/2025
02/06/2023
Cangas acolle este sábado unha xornada moi singular que busca explorar os límites entre a creación literaria e o universo dos videoxogos. Titúlase “Hai un poema no teu videoxogo” e é unha proposta deseñada polo Consello da Cultura Galega (CCG) e o Museo do Videoxogo. A cita está coordinada por Carmen García Mateo e Carlos Pereiro, quen asegura que “buscamos unir dous mundos que parecen afastados pero que non o están tanto”. Os poetas Pablo Rodríguez e Branca Trigo ofrecerán unha innovadora actividade en que haberá xogos en streaming, poesía, audiovisual e moita experimentación.
10/02/2023
Este sábado celébrase unha nova edición do Serán dos Namorados, unha festa que ten lugar no concello de Mondariz arredor do 14 de febreiro e da que se fala no primeiro dos capítulos do proxecto do Consello da Cultura Galega (CCG) Axudádeme a cantar. Ata alí desprazaranse as tres responsables do audiovisual, Renée DePalma, Xulia Feixoo e Carme López, que manterán un coloquio co público tras a proxección (19:00 horas).
01/02/2023
Axudádeme a cantar é o nome do último proxecto do Consello da Cultura Galega (CCG), unha serie documental que pretende visibilizar o canto acompañado con percusión de man. Seis capítulos percorren a historia e o presente deste tipo de literatura oral, sostida por mulleres que non aprenderon en ningunha escola e que son as grandes esquecidas da cultura tradicional oral. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez; a coordinadora da Sección de Lingua, Literatura e Comunicación, Carmen García Mateo, e mais as tres responsables do proxecto, Carme López, Renée DePalma e Xulia Feixoo, presentaron a serie audiovisual, que xa se pode ver no web do CCG e nas súas redes. “Hai tempo que traballamos na proxección de contidos que permanezan no tempo ademais de homenaxear a toda a cultura de base” apuntou Rosario Álvarez sobre esta iniciativa que terá a primeira exhibición pública no Serán dos Namorados, en Toutón (Mondariz), o vindeiro 11 de febreiro.
10/10/2022
As subscricións, os anuncios e a importancia de ofrecer valor informativo de proximidade son algúns dos piares que sustentan hoxe en día a prensa en soporte papel escrita en galego. Así o explicaron os responsables de diferentes proxectos empresariais que participaron na xornada Realidade e perspectivas de futuro dos medios de comunicación en galego en soporte papel organizada pola Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do Consello da Cultura Galega (CCG). A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, destacou na inauguración “a importancia deste tipo de encontros nun contexto complexo marcado pola dixitalización e a crise económica”. A responsable da sección, Carme García Mateo, apuntou que “necesitamos deste tipo de proxectos que xogan un papel prioritario”.
09/10/2022
Realidade e perspectivas de futuro dos medios de comunicación en galego en soporte papel é o título da xornada que se desenvolverá este luns, 10 de outubro ás 09:45 horas, no Consello da Cultura Galega (CCG). Nela, analizarase a realidade actual da prensa escrita en galego, así como a súa capacidade de resistencia e adaptación nun contexto marcado pola dixitalización e a crise económica. A iniciativa está coordinada por María Ángeles Rodríguez Yáñez e forma parte das actividades desenvolvidas pola Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do CCG. A sesión é presencial, pero tamén se poderá seguir en directo a través das redes da institución.
25/04/2022
Unha contorna completamente castelanizada na que a transmisión do galego de pais a fillos hai tempo que non se produce. Neste contexto, a actividade dos equipos de dinamización lingüística do CEIP Quintela de Moaña buscan a faceta emocional para o ensino e uso do idioma. A historia deste centro protagoniza o último capítulo de Aquí medra a lingua, serie web do Consello da Cultura Galega (CCG) que dá a coñecer iniciativas de dinamización lingüística na escola. O proxecto non conclúe aquí, xa que no vindeiro mes de xuño se presentará un documental de trinta minutos que ofrecerá, a partir deste material, unha panorámica xeral sobre o uso do idioma no ámbito escolar.
18/04/2022
As visitas ao lavadoiro na que recuperaron oficios e cantigas, un álbum de lembranzas ou o ciclo agrícola para coñecer o léxico de cada estación son algunhas das iniciativas que se desenvolven no Centro Rural Agrupado Nosa Señora do Faro, é dicir, oito escolas dos concellos de Ponteceso, Cabana de Bergantiños e Malpica. O seu proxecto centra a penúltima entrega de Aquí medra a lingua, serie web do Consello da Cultura Galega (CCG) que dá a coñecer iniciativas de dinamización lingüística na escola.
28/03/2022
O proxecto Aquí medra a lingua, serieweb do Consello da Cultura Galega para dar a coñecer iniciativas de dinamización lingüística na escola, engade este luns o segundo dos capítulos. Titúlase Reforzar o propio e céntrase na experiencia do CPI Virxe da Saleta de Cea, centro integrado que xunta alumnos de infantil e da ESO. Escape rooms, bandas deseñadas, títeres, curtametraxes... son moitas e moi variadas as iniciativas que se fan neste centro que xuntou escola e comunidade e tivo iniciativas tan sonadas coma “A lingua sabe a pan”.
21/03/2022
Aquí medra a lingua é o título da última aposta do Consello da Cultura Galega (CCG) na que propón un percorrido audiovisual por seis centros de diferentes contextos da xeografía galega para dar a coñecer os proxectos dos seus Equipos de Dinamización Lingüística. O resultado son seis pezas breves máis un documental no que participaron preto de cincuenta persoas entre alumnado, docentes, familia e comunidade. O primeiro deses traballos presentouse hoxe no IES Perdouro nunha xornada de convivencia na que participou a presidenta do CCG, Rosario Álvarez; a directora do centro, María José Pardiñas; a xefa de normalización lingüística do IES, Natalia Irimia; a realizadora dos audiovisuais, Cristina de la Torre, xunto co alumnado do centro. Na sesión proxectouse o primeiro dos capítulos, O modelo Burela, que xa está dispoñible no web do Consello da Cultura Galega (CCG).
10/12/2019
A cultura popular galega está poboada de heroes lendarios e seres mitolóxicos que chegaron ou saíron do mar. Está o Teucro, o Urco, a Serea de Sálvora, a Maruxaina... ou o propio mar personificado que podemos ler en novelas como como “O triángulo da circunferencia” de Víctor Freixanes, “As luces do Norte” de Pemón Bouzas ou “Os nenos da varíola” de María Solar, entre moitos outros. Estes tres autores, baixo a coordinación de Dolores Vilavedra, participarán mañá (Museo de Pontevedra, 19:30 horas) no parladoiro “A Galicia navegante no imaxinario literario” organizado polo Consello da Cultura Galega (CCG). A cita pretende reflexionar sobre a importancia do mar e das navegacións na literatura ao fío da exposición “Inventio mundi” (Museo de Pontevedra, ata o 14 de xaneiro) coa que o CCG pretende dar a coñecer as repercusións que tivo para Galicia a primeira circunnavegación da Terra, a expedición de Magalhães-Elcano.
05/12/2019
A manifestación contra a cota láctea de 1994 é un dos tema de portada do número 606 do semanario A Nosa Terra. Con este exemplar ábrese a oitava entrega da difusión do fondo deste xornal que o Consello da Cultura Galega sube periodicamente ao web institucional desde 2018. Nesta ocasión, súbense cen novos números que comprenden os anos 1994 e 1995.
02/12/2019
Iniciativas culturais que necesitan de Internet ben no proceso de creación, ben como soporte de difusión ou exhibición. No fondo esta é a idea sobre a que xira a xornada ”Contidos e prácticas culturais e artísticas na contorna dixital” que mañá se desenvolve no Consello da Cultura Galega (CCG). Bani Brusadin ou Esther Pérez-Amat son algunhas das persoas que participarán neste encontro no que tamén se exporán proxectos como @elbarroquista ou Faládeme de San Sadurniño. A presidenta da institución, Rosario Álvarez, e a coordinadora da Sección de Lingua, Literatura e Comunicación, Carme García Mateo, inaugurarán esta cita que se poderá seguir en directo a través de Internet.
15/10/2019
Crear un organismo independente que se encargue de xeito profesionalizado do traballo de proxección e difusión do libro galego, establecer mecanismos correctores no sistema de axudas á tradución e modificar o apoio ás empresas galegas para acudir a feiras internacionais. Estas son algunhas das propostas de acción que xurdiron das xornadas de debate e formación “A internacionalización da literatura galega en tradución ao inglés: novas oportunidades perante un mercado editorial británico en apertura”, que se desenvolveron do 17 ao 19 de xuño no Consello da Cultura Galega. As coordinadoras desta actividade, Olga Castro e Laura Linares, presentan agora un documento no que se propoñen unha serie de cambios para mellorar a internacionalización da literatura galega.
16/06/2019
O mercado editorial británico está en proceso de apertura á tradución, sobre todo, de linguas europeas. Unha situación que a cultura galega non quere deixar pasar e sobre a que se falará na xornada “A internacionalización da literatura galga en tradución ao inglés: novas oportunidades perante un mercado editorial británico-irlandés en apertura”. O programa artéllase nunha sesión onde expertos en ambas literaturas falarán do sistema de axudas, das traducións e da situación actual destes sistemas literarios, para dar paso a dous días de obradoiros formativos sectoriais. A cita está organizada por Dolores Vilavedra, Olga Castro, Laura Linares que, xunto coa vogal da comisión executiva, María Xosé Porteiro serán as encargadas da inauguración. Poderase seguir en directo desde o web da institución.
08/04/2019
Dúas das persoas de referencia actual en materia de animación sociocultural, Jaume Colomer e Jaron Rowan, estarán mañá no Consello da Cultura Galega para falar das estratexias e das fórmulas nas que a cidadanía se implica no feito creativo. Os seus relatorios forman parte da xornada titulada “Da animación sociocultural á cultura colaborativa” que organiza a Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do Consello da Cultura Galega. A presidenta da institución, Rosario Álvarez, xunto coa coordinadora da sección, Carme García Mateo; e o coordinador da xornada, Marcos Lorenzo, serán os encargados de abrir esta cita que se pode seguir en directo desde o web da institución.


