Celia Pereira, coordinadora da Sección de Pensamento e tamén da sesión, subliña que esta actividade “busca reflexionar sobre a calidade da información que recibimos diariamente”, lembrando que nos sistemas democráticos como o noso “o voto é unha toma de decisión que se realiza en función da información da que se dispón ou da que se carece”. Neste sentido, apunta á necesidade de analizar o ecosistema informativo actual máis alá dos medios tradicionais, incorporando tamén o papel das redes sociais. “Non toda a información que se difunde se corresponde co que está pasando, coas consecuencias que iso provoca”, sinala, e pon como exemplo conflitos recentes nos que, malia a dispoñibilidade de información case en directo, non se producen reaccións sociais comparables ás de hai dúas décadas. Para a coordinadora, isto leva a preguntarse “en que medida a información está influída pola conformación da opinión pública e ata que punto se constrúe sen criterios de veracidade”.
Para reflexionar sobre este asunto, esta sesión conta co catedrático e especialista Víctor Sampedro, que leva décadas analizando a relación entre comunicación, poder e democracia. Investigador especializado en propaganda, desinformación e opinión pública, na súa obra explica como os relatos mediáticos e políticos condicionan a percepción cidadá. Nas súas investigacións, a mentira non aparece como un feito illado, senón como parte de sistemas complexos nos que interveñen gobernos, medios e intereses económicos.
Un dos eixos centrais do seu pensamento é que a desinformación funciona porque se integra en marcos narrativos previos que resultan verosímiles, o que lle permite moldear percepcións colectivas e consolidar consensos artificiais. Así mesmo, alerta de que a proliferación de falsidades erosiona a confianza pública, dificulta distinguir entre verdade e mentira e contribúe á debilitación dos mecanismos democráticos.
Fronte a este escenario, Sampedro defende a necesidade de reforzar a alfabetización mediática e promover unha cidadanía crítica. Combater o poder das mentiras, sinala, non pasa só pola verificación de datos, senón por comprender quen produce a información, con que intereses e mediante que estratexias narrativas.
O ciclo “Pensarmos”
A Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega puxo en marcha o ciclo “Pensarmos” en xaneiro de 2019 co obxectivo de abordar problemas de actualidade. Por este foro pasaron xa máis dunha vintena de conferenciantes, como Cristina Sánchez Muñoz, Daniel Turienzo, María Dolors Comars, Margot Rot, Eva Veiga, Victoria Quintero ou Mar García Puig, por citar só algúns dos máis recentes. Todas as intervencións están gravadas e, salvo desexo expreso das persoas autoras, pódense consultar tanto no sitio web institucional como na canle de YouTube.
Sección de Pensamento
Esta xornada está organizada pola Sección de Pensamento, coordinada por Celia Pereira Porto, e conta con membros como Rebeca Baceiredo Pérez, Mariló Candedo Gunturiz, Francisco Castro Veloso, Ricardo Fandiño Pascual, Antonio Fernández Seoane, Ana Isabel García Arias, Nieves Herrero, Bieito Iglesias Araúxo, Xoán Antonio Pérez Lema e Ana Gloria Rodríguez Alonso. Ademais do ciclo “Pensarmos”, a sección organiza periodicamente outras actividades, entre as que destacan a revisión de figuras relevantes do pensamento e a análise da súa conexión con Galicia, como no caso de Martin Heidegger, Simone Weil, Albert Camus, Hannah Arendt ou Karl Marx.


