Na inauguración, a presidenta da FMJJ destacou a importancia de “seguir tecendo redes nos distintos axentes do sector cultural galego para fortalecer o ecosistema da cultura”. Canda ela, a presidenta do CCG puxo sobre a mesa que o informe “é o resultado dun gran traballo feito a lume lento que se presenta para que se poidan tomar decisión informadas neste ámbito”.
“O diagnóstico é claro: trátase dun ecosistema rico, diverso e en constante evolución, pero tamén altamente fráxil” apunta Caterina Varela, autora deste informe cualitativo. Nos últimos anos, apunta Varela, “xurdiron proxectos que amplían o concepto tradicional de creación artística, incorporando dimensións como a investigación, a mediación ou a transmisión de coñecemento”. Porén, as políticas públicas actuais non se adaptaron a estas transformacións, mantendo estruturas ríxidas e liñas de apoio insuficientes para dar resposta a prácticas híbridas.
Demandas do informe
Entre as principais demandas do sector recollido no informe destaca o incremento da presenza da danza e das artes performativas nos programas públicos de programación e exhibición, garantindo ademais unha distribución territorial equilibrada. Así mesmo, sublíñase a necesidade de contar con interlocutores dentro da administración con coñecemento específico do sector, co obxectivo de mellorar o deseño e a implementación das políticas culturais.
O informe propón un conxunto de medidas orientadas a construír un marco máis axeitado para o desenvolvemento das artes do movemento. Entre elas, a redución da carga burocrática nas convocatorias públicas, a inclusión dos gastos estruturais e de mantemento entre os custos subvencionables, e o recoñecemento do aloxamento como parte esencial dos programas de residencias artísticas. Tamén se insiste na importancia de considerar a investigación artística como unha fase autónoma do proceso creativo, así como na necesidade de establecer criterios claros que diferencien as residencias artísticas doutras fórmulas máis limitadas, como a simple cesión de espazos.
No ámbito laboral e económico, o documento reclama garantir orzamentos que permitan condicións de traballo dignas e avanzar cara a modelos de financiamento plurianual, que faciliten a planificación e o impacto a medio e longo prazo. Ademais, deféndese a equidade no acceso ás liñas de apoio, independentemente da tipoloxía xurídica das entidades solicitantes.
O informe tamén pon en valor o coñecemento experto das persoas que lideran os proxectos analizados, destacando o seu papel como recurso estratéxico para o desenvolvemento do sector. Neste sentido, aposta por fomentar relacións de colaboración estables entre administracións e iniciativas independentes.
En definitiva, o documento abre unha reflexión sobre a necesidade de avanzar cara a políticas culturais máis flexibles, sostibles e conectadas coa realidade das artes performativas contemporáneas, co obxectivo de garantir o seu desenvolvemento e consolidación no futuro.
Metodoloxía
Para a elaboración deste informe elaborouse unha metodoloxía cualitativa que toma como obxecto de estudo sete iniciativas independentes—entre os que se atopan plataformas, festivais, programas de residencias e espazos de creación situados tanto en contornas urbanas como rurais— e que exemplifican distintos modelos de apoio á creación. Os criterios polos que foron seleccionados apoio á investigación e creación contemporánea, carácter independente, financiamento público parcial, inserción no territorio, traballo en rede e capacidade de xerar discurso arredor da creación. A análise complétase coa recollida de datos técnicos, económicos e organizativos de cada proxecto e, fundamentalmente, coa realización de entrevistas ás persoas responsables, que permiten acceder a unha comprensión directa das prácticas, dificultades e potencialidades. Este enfoque combina observación, análise documental e escoita activa, co obxectivo de construír unha visión complexa e matizada do sector.
Os casos son: De Corpos Presentes é unha plataforma impulsada por Sabela Mendoza que combina programación, edición e investigación, cun carácter autoral e unha forte aposta pola performatividade e a creación contemporánea. A Casa Vella é un espazo de creación situado no rural ourensán que acolle residencias, obradoiros e actividades de mediación, funcionando como un proxecto de vida vinculado ao territorio e á comunidade. RPM / Residencias Paraíso constitúe un programa curatorial en rede que desenvolve residencias, presentacións e encontros en distintos espazos de Galicia e fóra dela, articulando unha estrutura distribuída e internacional. Plataforma é un festival urbano que expande a súa programación por diferentes espazos e cidades, combinando exhibición con procesos de acompañamento artístico. Sacra Experience sitúase na Ribeira Sacra e ofrece residencias e actividades que combinan creación, pensamento e gastronomía, cunha forte conexión co entorno. Festival Abanea articula un programa itinerante en colaboración con concellos das catro provincias, combinando presentacións, mediación e acompañamento a artistas. Atopémonos Bailando é un programa de residencias con sede en Lugo que promove encontros, mediación e redes de colaboración, incluíndo proxección internacional.
No que respecta ás entrevistas, realizáronse conversas coas persoas responsables dos sete casos seleccionados: De Corpos Presentes, A Casa Vella, RPM / Residencias Paraíso, Festival Plataforma, Sacra Experience, Festival Abanea e Atopémonos Bailando. Estas entrevistas constitúen unha fonte central de información, permitindo coñecer en profundidade o funcionamento interno dos proxectos, as súas estratexias, dificultades e aspiracións.
Xornada
O informe foi tamén obxecto de debate entre os diferentes profesionais no marco a xornada na que houbo diferentes mesas. Unha delas xuntou os representantes dos casos analizados, iniciativas que exemplifican distintos modelos de relación entre creación contemporánea, territorio e comunidade como son Nuria Sotelo de A Casa Vella; Carlota Pérez de Sacra Experience; e Félix Fernández de RPM / Residencias Paraíso. Outra delas contou con responsables doutros casos singulares no país e artistas en residencia. Nela ampliouse a mirada sobre experiencias diversas que tamén están a redefinir os vínculos entre arte, territorio e comunidade e contou coas relatorios de Susana González sobre Centro de Arte FMJJ; Nava Castro de ArtisTea, proxecto que promove encontros entre creación artística, benestar e contexto rural; e Mateo Feijoo de A Casa do Pozo, iniciativa independente de acollida e acompañamento a procesos creativos. Nesta parte da sesión, moderada por Natalia Balseiro, tamén participaron a poeta Luz Pichel e a artista Iria Groba, achegando a perspectiva da práctica artística en residencia. A xornada pechoua co espectáculo “Cando lle permito ao corpo aquilo que digo”, de Alejandra Balboa.





