A biblioteca do Consello da Cultura Galega acolleu a sesión na que se procedeu á remuda de parte das personalidades electivas. Renovaron no posto, por un segundo mandato, Alejo Amoedo, Cristina Domínguez e Celia Pereira Porto. Incorporáronse Eduardo Corbelle, Ramón Nicolás e Susana Reboreda. Cesaron, por cumprir o máximo tempo permitido (dous mandatos), Carme Adán, Xosé Manoel Núñez Seixas e Elena Vázquez Cendán.
O Plenario é o máximo órgano de goberno do Consello da Cultura Galega. Os cambios da súa composición teñen lugar en cumprimento da Lei de creación do Consello da Cultura Galega (Lei 8/1983, do 8 de xullo) e do Decreto 162/2008, do 10 de xullo, que establece o mecanismo de renovación. Alén dos representantes de entidades, o pleno está integrado por personalidades destacadas nos campos da cultura. No pasado mes de marzo tivo lugar outra renovación, naquel momento da quenda de membros representativos, que foron designados polas institucións que forman parte do plenario do CCG.
Unha vez renovado o Plenario, abrirase o prazo de presentación de candidaturas para a elección de presidencia. Rosario Álvarez non renova no cargo para o que foi electa o 31 de maio de 2018. O vindeiro plenario no que terá lugar a votación da presidencia está previsto para o mércores 27 de maio.
Avance de actividade
No informe da presidenta, Rosario Álvarez deu conta do avance de actividade previsto para as vindeiras semanas, nas que destacan as actividades de arredor de Begoña Caamaño, homenaxeada co Día das Letras Galegas. O 8 de maio terá lugar a presentación da tradicional publicación de homenaxe e o día 16, véspera da celebración, o Auditorio Mar de Vigo acollerá a 16º edición do Concerto das Letras Galegas. Unha exposición sobre os 50 anos do Movemento Feminista Organizado Galego; unha xornada sobre o liderado feminino na Idade Media e o quinto Encontro Temático Transversal, no que especialistas recoñecidos analizarán o territorio dende a súa consideración como recurso turístico, son algunhas das actividades previstas.
Balance do trimestre
No plenario, a presidenta fixo un balance da actividade desenvolvida pola institución no primeiro trimestre. En total, desenvolvéronse 27 actividades de diferente tipo das que o 44% tiveron lugar fóra da sede institucional. Neste período revisouse a situación do galego e a dobraxe nos medios públicos; o legado artístico de Alberto González-Alegre e Amparo Segarra, entre outras actividades. Publicáronse dúas novas obras de Martín Sarmiento ( o catálogo da súa biblioteca e o seu estudo sobre o vexetal Seixebra). Desenvolvéronse nove itinerancias de sete proxectos expositivos, entre os que destaca “Emigrantas. Emerxer do silencio” (aberta no Kiosco Alfonso da Coruña ata o 3 de maio), que se achega ao relato invisibilizado das mulleres na emigración galega. No apartado de asesoría neste período publicáronse “A música popular en Galicia” , “Acceso á cultura en Galicia”, “Esperando a eclipse total de sol” e “Informe sobre iniciativas independentes en danza e artes performativas”, realizado en colaboración coa Fundación Jove; as conclusións dos Encontros para a Normalización Lingüística baixo o título “Lingua en acción”. No ámbito patrimonial, elaboráronse os informe sobre o Lugar de Memoria da illa de San Simón e os informes BIC do Muíño da Seca en Cambados e da Casa Benedicto en Navia de Suarna.


