Xa era unha plataforma activa desde o ano 2010 que agora se reactiva para ofrecer unha mirada actualizada. Novos nomes e novas entrevistas revitalizan unha nova plataforma sobre as artes plásticas en Galicia. “Buscamos corrixir a desigualdade de mulleres existente dentro do catálogo así como darlle cabida a unha maior diversidade das linguaxes e xéneros en consonancia coas novas tendencias da creación contemporánea” apuntou Paula Cabaleiro na presentación. “Hai artistas nados en Galicia pero tamén figuras que como Chelo Matesanz non naceron aquí pero son figuras fundamentais da escena plástica galegas” apuntou.
Nesta nova etapa súmanse cinco novos nomes: Ana Gesto (Santiago, 1978) artista visual e performer cunha obra na que conflúen a performance, a escultura, o audiovisual e a experimentación sonora; Andrea Costas (Vigo, 1978), artista que traballa co corpo como territorio de coñecemento, memoria e relación; Carla Andrade (Vigo, 1983) cuxo traballo fotográfico e audiovisual, se conforma como vehículo de reformulación e de suxestión estética; Jesús Madriñán (Santiago, 1984) fotógrafo autor de retratos espontáneos en contornas cambiantes, como os locais de ocio nocturno, as festas ou as rúas onde o seu aspecto contrata coa técnica analóxica empregada; e Soledad Penalta (Noia, 1942) cuxo traballo se caracteriza por un peso da linguaxe abstracta, co emprego de xogos de planos e formas antropomórficas como referentes. Cada nova entrada contará cunha biografía elaborada polos membros da sección xunto cunha escolma de 6 imaxes do seu traballo. Nesta quenda participaron Patricia Verdial, Rosendo Cid, Javier Buján, Paula Cabaleiro e Rosario Sarmiento.
Esta actualización complementa un catálogo que conta a día de hoxe con 74 artistas dos que se exhiben preto de 500 obras. No vindeiro mes de xullo haberá unha nova actualización.
Unha das novidades é a remodelación dos itinerarios, visitas guiadas pola obra de artista que agora se tarnsforman en vídeos nos que se convida a xente da crítica, comisariado e dirección de museos para que dialoguen coa obra dun artista. Abre esta nova xeira a visita que a crítica Sara Donoso fai da artista Almudena Fernández Fariña. Os vídeos foron elaborados pola produtora Miramemira.
Outra das novidades é a aparición da sección de entrevistas a unha trintena de creadores. No ámbito da pintura e prácticas pictóricas contemporáneas figuran artistas como Antón Lamazares, cuxa obra destaca polo uso de materiais pouco convencionais e unha forte carga matérica e simbólica; Bosco Caride, cunha pintura de carácter conceptual e experimental; Mar Caldas, que combina imaxe, identidade e perspectiva de xénero; ou Pamen Pereira, cun traballo de forte dimensión poética e espiritual vinculado á natureza e á memoria. Na escultura e prácticas tridimensionais destacan Francisco Leiro, recoñecido polas súas figuras expresivas de grande forza narrativa, e Mauro Trastoy, cuxo traballo explora o volume e a relación co espazo desde linguaxes contemporáneas. No campo da fotografía e a imaxe traballan Manuel Sendón, cun enfoque documental e social; Vicente Blanco, centrado na observación do territorio e a paisaxe; e Xurxo Oro Claro, que investiga a relación entre imaxe, tempo e percepción. Dentro das prácticas conceptuais e interdisciplinares inclúense Carme Nogueira, cunha obra que aborda o espazo público, a memoria e a política; Chelo Matesanz, coñecida polo seu traballo con materiais cotiáns e reflexións sobre o doméstico; Din Matamoro, cunha linguaxe irónica e simbólica; e Almudena Fernández Fariña, que combina investigación teórica e práctica artística arredor da pintura expandida.
Completan esta sección de entrevistas creadores como Mónica Alonso, Guillermo Aymerich, Ignacio Basallo, Mónica Cabo, Tono Carbajo, Fernando Casás, Daniel Caxigueiro, María Xosé Díaz, Félix Fernández, Arturo Fuentes, Roberto González, Amaya González Reyes, Enrique Lista, Holga Méndez Fernández, Jorge Perianes, Manuel Vázquez e Mar Vicente que desenvolven traxectorias diversas que atravesan múltiples disciplinas —desde a pintura e a escultura ata a instalación, a fotografía ou os procesos experimentais— configurando un panorama plural e heteroxéneo da creación contemporánea.
15 anos de traballo previo
O 30 de xuño de 2010 nacía Atalaia, unha base de datos, directorio e centro de recursos para coñecer aos artistas, as obras, os eventos, as publicacións e as entidades vinculadas á arte contemporánea en Galicia. Nestes 15 anos a plataforma sumou información e material de preto de 70 creadores, espazos e entidades que promoven a arte contemporánea galega.



