A xornada propón unha reflexión sobre as formas de exercicio do poder feminino nos ámbitos político, cultural e social, así como sobre as redes de autoridade nas que operaban, cuestionando ata que punto o seu liderado foi aceptado ou contestado e se existiron modelos propios de acción política e cultural.
Estrutúrase en tres bloques temáticos. O primeiro, titulado “As mulleres no escenario europeo” (10:30 horas), contará coa participación de Nora Berend, da Universidade de Cambridge, quen achegará unha perspectiva comparada do liderado feminino en Europa, xunto con Esther Corral Díaz e Cristian D. López Ushakov, da Universidade de Santiago de Compostela (SC), que analizarán as representacións culturais e o contexto histórico destas figuras.
O segundo bloque, Liderado feminino nas artes (12:15 horas), reunirá a Therese Martin, do Consello Superior de Investigacións Científicas, quen examinará o papel das mulleres como promotoras e axentes na cultura visual medieval, xunto con Marta Cendón Fernández e Rosa M.ª Rodríguez Porto, ambas as dúas da USC, especialistas na relación entre arte, poder e xénero.
O terceiro bloque, O poder feminino na Galicia e León medievais (16:30 horas), contará coa participación de Janna Bianchini, da Universidade de Maryland, xunto con Xosé Manoel Sánchez Sánchez e Carla Trincado, da USC, que afondarán no contexto político e social galego-leonés no que se insire o reinado de Urraca. En conxunto, a xornada ofrece unha visión multidisciplinar que permitirá comprender mellor a complexidade e o alcance do liderado feminino na Idade Media.



