Simon Doubleday, coordinador da xornada xunto con Mariña Bermúdez, destacou que “non sempre os textos escritos son fontes fiables para coñecer o pasado”. Na súa intervención de apertura salientou a “misoxinia das crónicas, que contribuíu a distorsionar os feito aínda que probablemente había un espectro de actitudes cada o xénero”. Por iso, moitas das investigadoras participantes destacaron nas súas intervención como atoparon en moedas, códices, cantigas e outros formatos información que permite entrever o papel das mulleres como axentes de poder na Idade Media.
Urraca, raíña titular e modelo de autoridade
Urraca de Galicia, León e Castela (1109–1126) foi presentada como unha figura excepcional que rompeu cos esquemas de poder do seu tempo. A súa traxectoria vital, marcada pola súa condición de herdeira, polos conflitos políticos e pola súa capacidade de goberno autónomo, evidencia un exercicio efectivo da autoridade nun contexto adverso.
A profesora Therese Martin, do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), realizou un percorrido pola análise visual e polas diferentes representacións da raíña en distintos formatos e momentos históricos. A análise das representacións visuais —especialmente no Tombo A— revelou unha imaxe de poder construída con todos os atributos rexios (cetro, coroa e trono), nunha clara afirmación da súa autoridade política. Tamén se puxo o foco nas diferenzas de tratamento simbólico respecto doutros monarcas, evidenciando desigualdades na memoria histórica. Como exemplo recente, Therese Martin referiuse ao caso da cidade de León, onde en 2019 se instalou un busto da raíña Urraca. A partir deste, realizou unha análise comparativa con outro monumento tamén recente, dedicado a Afonso IX. Sinalou diferenzas significativas na escala —o de Urraca é un busto, mentres que o de Afonso IX é unha figura completa en actitude de combate—, nos materiais —pedra reconstituída no primeiro caso e bronce no segundo—, e tamén nas inscricións. No busto de Urraca, a inscrición é breve e limítase a identificala como “raíña de León (1109–1126)”. Pola contra, o monumento a Afonso IX incorpora unha inscrición máis extensa, na que se detallan e recoñecen os seus méritos. Esta diferenza evidencia un tratamento desigual na representación simbólica de ambos personaxes.
Neste sentido, Rosa M.ª Rodríguez Porto, da Universidade de Santiago de Compostela, incidiu na importancia da cultura visual —moedas e selos— como ferramentas fundamentais para expresar a condición de raíña titular, diferenciándoa doutras mulleres do seu contorno que, malia exercer poder, non dispuxeron dos mesmos recursos simbólicos.
Desde a mesma universidade, Esther Corral Díaz subliñou a relevancia da análise literaria. Aínda que Urraca é anterior á consolidación da lírica galego-portuguesa, a súa figura permite introducir modelos de autoridade feminina na cultura medieval. A profesora destacou como a lírica constrúe formas simbólicas de liderado feminino: nas cantigas de amigo, cunha voz feminina central e activa; e nas cantigas de amor, onde a dama, aínda sen voz directa, organiza o discurso e o código amoroso. Así, a autoridade feminina maniféstase tamén no plano simbólico e cultural.
A importancia de Urraca na catedral de Tui
Na xornada destacou tamén a relación da raíña Urraca coa catedral de Tui, presentada por Marta Cendón Fernández. A profesora subliñou o papel decisivo de Urraca no desenvolvemento da sede tudense, especialmente a través das súas doazóns e das accións políticas que consolidaron o patrimonio da igrexa. Xunto co conde Raimundo, Urraca doou territorios clave ao bispado, definindo os límites do señorío e reforzando o poder eclesiástico na rexión. En 1112, a raíña e o seu fillo Alfonso ampliaron significativamente o patrimonio da igrexa de Tui mediante a doazón de varias igrexas, contribuíndo á consolidación dunha sede episcopal dedicada a Santa María. Este impulso foi determinante para o desenvolvemento da catedral medieval, cuxa construción se vincula directamente coa acción de Urraca e da súa contorna familiar, en especial da súa irmá Tareixa, cara a 1125.
Outras mulleres poderosas: historias e perfís
A xornada ampliou o foco cara a outras figuras femininas relevantes na Europa medieval, poñendo de manifesto a diversidade de formas de exercicio do poder. Nora Berend abordou os casos de Jimena Díaz e Isabel de Hungría. Jimena foi presentada como unha muller que exerceu poder efectivo tras a morte do seu home, Rodrigo Díaz de Vivar, o Cid, asumindo responsabilidades políticas e de xestión patrimonial. Pola súa banda, Isabel destacou pola súa intensa participación no goberno do reino de Hungría, pola súa intervención en conflitos políticos e pola súa actividade como doadora de terras. A súa vida estivo marcada pola inestabilidade —guerras civís, conspiracións nobiliarias e episodios de secuestro—, mais tamén polo exercicio da rexencia e pola proxección internacional da súa descendencia.
Cristian D. López Ushakov trasladou a análise ao ámbito da Europa oriental, onde a escaseza e o sesgo das fontes dificultan a visibilización das mulleres. Aínda así, recuperou figuras como Ana de Kiev, con importantes funcións diplomáticas; Olga de Kiev, destacada pola súa acción política, relixiosa e de goberno; e Ana Porfiroxéneta, vinculada á cristianización da Rus. O relator sinalou funcións clave destas mulleres —mediación política, exercicio da xustiza, control territorial e promoción relixiosa— nun contexto no que os discursos misóxinos condicionaban o recoñecemento do seu poder.
Pola tarde, no bloque dedicado ao poder feminino na Galicia e León medievais, Janna Bianchini, da Universidade de Maryland, xunto con Xosé Manoel Sánchez Sánchez e Carla Trincado, da Universidade de Santiago de Compostela, que afondaron no contexto político e social galego-leonés no que se insire o reinado de Urraca. En conxunto, a xornada ofreceu unha visión multidisciplinar que permitiu comprender mellor a complexidade e o alcance do liderado feminino na Idade Media.
Unha revisión necesaria da historia
A xornada concluíu subliñando a necesidade de revisar os relatos históricos tradicionais para incorporar o papel das mulleres como protagonistas activas. Desde o exercicio directo do poder político ata a súa influencia simbólica, cultural e relixiosa, as intervencións puxeron de manifesto que o liderado feminino na Idade Media foi máis complexo, diverso e relevante do que transmiten as fontes convencionais.



