O alcalde, Abel Caballero, ofreceu a cooperación do Concello para desenvolver esta proposta musical, mentres que a presidenta do Consello da Cultura Galega salientou o peso que Vigo tivo na figura da homenaxeada. “Naceu no Calvario, nunha cidade que conformou a súa personalidade e a súa obra desenvolta despois noutros lugares”, apuntou. Engadiu ademais que o programa percorrerá musicalmente a súa personalidade, “na que ten cabida o feminismo, o antimilitarismo, o xornalismo galego e en galego”. Sobre a proposta musical, Uxía incidiu en que se tratará dunha festa na que “festexamos a vida e a obra de Begoña e con ela tamén celebraremos a todas as mulleres indómitas, porque falaremos de sororidade, de feminismo e de cancións inspiradas na súa obra”.
O programa desta edición do Concerto das Letras Galegas inspírase nos textos literarios e no labor xornalístico e radiofónico da autora homenaxeada. Trátase dun concerto composto por 14 pezas que transitan do íntimo ao festivo, no que Uxía Senlle rende homenaxe á memoria dunha das súas grandes amigas. Ao mesmo tempo, a proposta percorre tanto os gustos musicais de Begoña como aquelas composicións que acompañaron a súa traxectoria profesional.
Ao longo de 75 minutos desfilarán polo Auditorio Mar de Vigo figuras e símbolos como Circe, Morgana, as amigas, o mar de Arousa e a ría de Vigo, Penélope, a casa da Comboa, as humildes, as pegadas do seu andar pola terra, as rebeldes, as mans enlazadas e as lobas que ouvean, referencias imprescindibles no legado e na obra de Begoña Caamaño. A proposta concíbese como unha festa da amizade, da música e da palabra, e contará ademais con numerosas sorpresas: haberá convidadas e convidados especiais que contribuirán a facer desta unha experiencia única e irrepetible.
A imaxe gráfica do Concerto das Letras Galegas foi deseñada por Leandro Lamas. Este formato constitúe un proxecto musical de Uxía Senlle, unha das voces máis recoñecidas da música galega contemporánea. Cantora, compositora e investigadora, foi unha figura clave na renovación da canción galega desde os anos 80, combinando a raíz tradicional con sonoridades atlánticas e influencias lusófonas de países como Portugal, Brasil ou Cabo Verde. No concerto estará acompañada pola súa banda, integrada por Santi Cribeiro no acordeón, Rafa Otero na guitarra acústica e eléctrica, Yudit Almeida no contrabaixo e Isaac Palacín na percusión.
O concerto será de entrada libre e gratuíta ata completar a capacidade do auditorio (1.425 butacas) e poderá seguirse tamén en directo a través da web do Consello da Cultura Galega (consellodacultura.gal). Así mesmo, o día 17 emitirase no marco da programación especial que a Televisión de Galicia elaborou para o Día das Letras Galegas, en horario de máxima audiencia na segunda canle, a G2.
Edicións anteriores
O Concerto das Letras Galegas é unha proposta deseñada polo CCG para abrir a festividade do día grande das letras. Cada ano conta coa colaboración do concello onde se celebra. Comezou en 2011 en Santiago de Compostela, cunha edición en que se recuperaba a figura de Lois Pereiro. Repetiu nesta cidade en 2013 con Roberto Vidal Bolaño e en 2019 con Antonio Fraguas. Pontevedra acolleu este concerto en tres ocasións: a primeira en 2012 para lembrar a Valentín Paz-Andrade, a segunda en 2015 en homenaxe a Filgueira Valverde e a última en 2018 coa conmemoración de María Victoria Moreno. O concerto tivo lugar en Lugo no ano 2014 cunha proposta sobre Díaz Castro e os poetas lucenses e en Ourense en 2017 coa homenaxe á figura de Carlos Casares. A décima edición ía ter lugar en Ferrol, pero a pandemia obrigou a mudar os plans iniciais e o concerto emitiuse en directo en streaming desde o Auditorio de Galicia en Santiago de Compostela. Vigo acolleu a homenaxe a Xela Arias, en 2021 e en 2023 a Francisco Fernández del Riego coa Real Filharmonía de Galicia. En 2022 o Concerto das Letras Galegas celebrouse no Barco de Valdeorras, con Florencio Delgado Gurriarán como protagonista. A Coruña acolleu en 2016 a homenaxe a Manuel María, a cargo de Milladoiro e en 2025 cun programa dedicado a Luísa Villalta. En 2025 o concerto tivo lugar en Carballo, en recoñecemento á riqueza que o canto tradicional tivo tanto neste concello coma na comarca bergantiñá



