“Nesta presentación xúntanse dous intereses e preocupacións da institución, como son a lingua e a ciencia”, apuntou Rosario Álvarez, quen fixo un percorrido polo papel que a ciencia e a divulgación científica tiveron no CCG desde a creación da institución. Pola súa banda, Elena Vázquez Cendón subliñou que “o algoritmo é o coitelo do século XXI e, en función de cómo o usemos, podemos cortar os alimentos cos que nos alimentamos ou mancarnos”, destacando a importancia dun uso responsable das redes sociais.
O documento, segundo explicou Manuel Vicente “ofrece un retrato do punto en que nos atopamos co foco posto nos contidos na nosa lingua”. Unha análise importante porque, segundo asegura o informe, “semella imposible e pouco acertado renunciar á visibilidade que outorgan, por limitada que esta sexa, para a información e a divulgación de calidade en xeral e da ciencia en particular”. Ofrece quince propostas para “proxectar o galego á ciencia feita e explicada desde Galicia nas redes sociais”. Entre as principais propostas que reclama, destaca un reforzo dos equipos de comunicación e divulgación científica das institucións públicas de investigación, así como unha mellora das condicións laborais das persoas que desenvolven este labor. Tamén defende promover o uso do galego en todas as accións divulgativas do Sistema Universitario Galego, apoiando a creación de audiencias propias e recoñecendo a lingua como un valor engadido. Do mesmo xeito, apóstase por fortalecer as convocatorias que incentivan a comunidade investigadora e o alumnado a divulgar os seus traballos, acompañándoas de formación en narrativas dixitais e galego oral, así como por identificar e “apoiar novos perfís divulgadores nos campus universitarios e entre os creadores independentes de contidos de calidade”.
As propostas inclúen tamén a creación de liñas específicas de apoio á produción de contidos científicos en galego nas redes sociais e o impulso de colaboracións con perfís de gran potencial comunicativo. Ademais, proponse á Radio Galega e a Galega a produción de formatos divulgativos breves sobre ciencia e vida cotiá, a creación de repositorios institucionais de contidos divulgativos e a ampliación de plataformas como “Proxector” para incorporar pódcast e reels. Considérase igualmente prioritario promover a alfabetización mediática da cidadanía, estreitar lazos coa divulgación científica lusófona aproveitando a proximidade entre galego e portugués, e reclamar ás grandes plataformas dixitais a incorporación plena do galego en igualdade con outras linguas, incluídas as ferramentas publicitarias e de intelixencia artificial. Finalmente, sublíñase a recuperación de campañas con cancelos comúns para a difusión de contidos en galego, esixir unha maior presenza da lingua nas redes dos medios subvencionados pola Xunta e reforzar o traballo en rede entre institucións e colectivos implicados na creación e promoción de contidos en galego.
O informe analiza a evolución da presenza das principais institucións científicas galegas nas redes sociais desde a aparición de Facebook e Twitter ata o actual escenario marcado por plataformas como TikTok. Aínda que se aprecia un esforzo crecente por adaptarse ás novas linguaxes audiovisuais e aos formatos de vídeo curto, persisten problemas como a falta de continuidade, a dependencia de convocatorias competitivas para financiar proxectos de divulgación e a precariedade do persoal contratado temporalmente para estas tarefas. O estudo destaca tamén que exemplos como Gciencia demostran que o galego funciona como lingua de divulgación científica e pode mesmo actuar como elemento diferencial para conectar co público.
Subliña ademais o papel crecente de creadores e creadoras de contidos galegos especializados en ciencia e humanidades, con perfís de grande impacto nas redes sociais, así como iniciativas colectivas desenvolvidas en Twitch, Youtube ou Instagram durante os últimos anos. O traballo completa outro estudo realizado en 2016 (Informe sobre a divulgación da ciencia en Galicia) sobre a comunicación da ciencia en Galicia que destacaba unha gran variedade, riqueza pero tamén calidade de iniciativas de divulgación en galego.
A dualidade do caso chinés
No estudo tamén se salienta que a versión chinesa do TikTok "mentres no resto do mundo o algoritmo prioriza contidos de puro entretemento facilmente viralizables, resulta rechamante que na versión chinesa, Douyin, os que se impulsen sexan os educativos, científicos e culturais". Incorpora ademais, mecanismos efectivos que limitan o tempo de uso en menores e persoas anciás, aínda que no outro lado da balanza hai que lembrar a censura que lle aplica a toda clase de publicacións que poida ir en contra dos intereses do Goberno chinés.



