NOTICIA

----

“Proxector”, iniciativa de divulgación en galego, aborda a biodiversidade nesta entrega

O vindeiro 22 de maio conmemórase o Día Internacional da Diversidade Biolóxica. Unha efeméride que centra a nova entrega de “Proxector”, iniciativa de divulgación en galego que promove o Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) do Consello da Cultura Galega (CCG) coa Universidade de Santiago de Compostela (USC). Unha ducia de vídeos que reflexionan sobre o concepto de diversidade ao tempo que convidan a coñecer mellor o patrimonio natural galego: Porta de Lobios, o Parque Natural das Illas Atlánticas de Galicia, a ribeira do río Mandeo, a contorna da Torre de Hércules ou as microrreservas de flora de Fisterra.

O especial arrinca cun vídeo do divulgador Xacobo de Toro titulado “Que é un ecosistema? Ecosistemas: Biótopo e Biocenose” no que define os elementos esenciais que compoñen un ecosistema. De Toro ten se escolma outro vídeo no que convida a adentrarse nun bosque de ribeira, nome co que denominamos a vexetación que medra á beira dos ríos, regatos e lagoas.
Entre as propostas que se recollen nesta entrega, hai un audiovisual elaborado pola Deputación de Ourense que percorre o Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés, no concello de Lobios, unha zona na que conviven preto de 850 especies de plantas, representando practicamente a biodidiversidade completa do territorio galego. O Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, conformado polos arquipélagos das Rías Baixas: Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada, centra dous vídeos: un sobre características xeográficas, morfolóxicas e biolóxicas e outro sobre o traballo de eliminación de especies invasoras e de recuperación de hábitats realizado neste Parque Nacional.

No especial inclúese un vídeo sobre o rico ecosistema que se crea nas charcas intermareais formadas en zonas rochosas; outro que amosa a rica diversidade biolóxica e lingüística que agocha o noso fondo mariño e outro sobre o Espazo Natural de Interese Local (ENIL) que conforma a contorna da Torre de Hércules.

Pechan esta entrega tres investigadores e investigadoras vencellados á universidade galega: María Losada Cuquejo, bióloga e investigadora do grupo EcoPast da USC, explica como o abandono da agricultura tradicional e as mudanzas na xestión do monte galego foron factores determinantes na perda da biodiversidade en Galicia; Adolfo Cordero, catedrático de Ecoloxía e Bioloxía Animal da Universidade de Vigo, sobre as orixes e o significado do concepto de biodiversidade, reflexionando sobre o seu impacto tanto na bioloxía como noutras áreas do coñecemento; e Cristina Piñeiro Corbeira, membro do grupo de investigación BioCost da Universidade da Coruña, aborda a desaparición dos bosques mariños de Galicia.

Unha iniciativa de divulgación
“Proxector: audiovisuais en galego para a docencia” é un espazo web dedicado a recompilar, clasificar e difundir recursos audiovisuais que sirvan de apoio á docencia en lingua galega de diversas materias de bacharelato e de ensino universitario.

O proxecto orixinal foi deseñado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela e botou a andar no ano 2015 no portal educativo Didactalia. En 2018 o CCG, a través do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG), sumouse á iniciativa e comezou a participar de xeito activo tanto na súa coordinación como na edición de contidos. Cumprindo coas competencias que lle son propias no eido da preservación e difusión do idioma galego, o CCG acordou asumir tamén a custodia dos datos recompilados ao longo destes anos e que, a partir de agora, estarán ao dispor da cidadanía no sitio web institucional.

Os vídeos están clasificados segundo a súa temática, o idioma no que foron gravados ou subtitulados e o nivel de ensino no que se considera que poden ser empregados. A maiores, ofrécese unha ficha descritiva coa información básica de cada recurso. Pódese acceder aos contidos a través da busca libre ou dos diferentes despregables, que permiten filtrar os resultados segundo os criterios de clasificación antes citados.