NOTICIA

----

O Concerto das Letras Galegas percorreu o legado de Begoña Caamaño nunha homenaxe colectiva marcada pola sororidade

“Festexamos a vida e a obra de Begoña Caamaño, pero tamén a todas as mulleres indómitas: ás que abriron camiños, ás que decidiron o seu destino, ás que resisten e ás que veñen detrás”, apuntou Paula Cabaleiro, secretaria do Consello da Cultura Galega (CCG), na apertura da 16ª edición do Concerto das Letras Galegas. O Auditorio Mar de Vigo acolleu esta proposta musical organizada polo Consello da Cultura Galega, co apoio do Concello de Vigo, e interpretada por Uxía, que reuniu sobre o escenario máis dunha ducia de artistas para render homenaxe á escritora Begoña Caamaño e ás mulleres libres, rebeldes e creadoras que atravesan a súa obra. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez; o alcalde de Vigo, Abel Caballero; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, xunto con membros da familia da homenaxeada e unha ampla representación da cultura e da sociedade viguesa, asistiron a esta proposta, antesala do Día das Letras Galegas. O concerto poderá verse tamén este 17 de maio na G2 da Televisión de Galicia.

O concerto abriu con “Fada Morgana”, interpretada por Uxía acompañada de Quim Fariña, quen achegou a súa versatilidade instrumental e a conexión entre tradición e contemporaneidade. O mar, elemento central na vida e obra de Begoña Caamaño, emerxeu na segunda peza, “Vivo no mar”, interpretada por Uxía en solitario. A reinterpretación de Circe e Penélope devolveu ao escenario o diálogo musical entre ambos artistas.

Un dos momentos máis emotivos da noite chegou con “A casa das amigas”, coa participación de Su Garrido Pombo e da violonchelista Margarida Mariño, que tamén estivo presente en “O teu nome é bandeira”. Pola súa banda, “Meniño do Bairro Negro”, cantado a capela por Uxía, marcou un dos instantes máis íntimos do concerto.

A forza urbana e o soul de Wöyza uníronse despois á voz de Uxía en “As nosas cores”, nunha actuación que emocionou a un auditorio no que non faltaron as amigas —como se denominan as mulleres que acompañaron a Begoña Caamaño ao longo da súa vida persoal e profesional—, así como un numeroso público procedente de distintos ámbitos da sociedade civil e local. Entre as persoas asistentes atopábase tamén unha ampla representación institucional e cultural, nun auditorio con perfís diversos do ámbito cultural, asociativo e artístico vigués e galego. Asistiu unha nutrida representación dos membros do plenario do CCG, da Real Academia Galega, así como representantes do ámbito político e institucional local, entre eles, Carmela Silva, tenente de alcalde e delegada da Área de Patrimonio Histórico, Cultura e Igualdade.

Na recta final incorporáronse ao escenario As Mosas —Ana e Chus, irmás de Uxía— e o grupo Malvela, referentes da tradición oral e da música popular galega. Xunto a elas participou tamén unha nova xeración representada polas nenas do CEIP de Petelos —Alba Alonso, Alba Lago, Adela, Ariana, Martina e Carla—, que simbolizaron a continuidade viva da lingua e da cultura galegas nas interpretacións de “O carro” e, como un dos pratos fortes da noite, “Begoñísima”, pechando despois coa peza “Gotinha d’auga”. Uxía estivo acompañada durante toda a actuación pola súa banda, integrada por Santi Cribeiro no acordeón, Rafa Otero nas guitarras acústica e eléctrica, Yudit Almeida no contrabaixo e Isaac Palacín na percusión.

Como xa é tradición nesta proposta do CCG, o concerto pechouse coa interpretación do himno galego, nesta ocasión a cargo de Uxía, a súa banda e todas as artistas convidadas. Foron 75 minutos nos que desfilaron polo escenario os símbolos e imaxes do universo literario de Begoña Caamaño: Circe, Morgana, Penélope, o mar de Arousa e a ría de Vigo, as amigas, as rebeldes, as mulleres humildes e as lobas que ouvean, nun percorrido emocional e musical polos temas centrais da súa obra.

No escenario proxectáronse tanto a imaxe gráfica do Concerto das Letras Galegas, deseñada por Leandro Lamas, como as ilustracións creadas por Viki Ribadulla. O concerto, retransmitido en directo por Casa de Tolos e dispoñible no sitio web do Consello da Cultura Galega, emitirase tamén este 17 de maio na G2, dentro da programación especial da Televisión de Galicia para o Día das Letras Galegas.