NOTICIA

----

Rois acolle a mostra sobre a evolución da pandeireta

“A pandeireta galega. Actualización dun instrumento ancestral” é o título da exposición coa que o Consello da Cultura Galega (CCG) pretende poñer en valor o labor de mestres artesáns, músicos e estudosos da pandeireta. O proxecto continúa a súa itinerancia este venres, 22 de maio, no Edificio Multiusos de Rois. A mostra ábrese cunha sesión de relatorios (18:00horas) arredor dos usos e das técnicas deste instrumento e a transmisión usando como exemplo as pandeireteiras de Rois. Despois, Rosario Álvarez, presidenta do CCG; o alcalde de Rois, Ramón Tojo; máis os comisarios da exposición, Luciano Pérez Díaz e Suso Vaamonde Manteiga, inaugurarán a mostra que se pode visitar ata o 11 de xuño.

A sesión de relatorios abrirase cunha intervención sobre a experiencia dun grupo de alumnas de sexto de EXB do Colexio de Rois que, en 1986, impulsaron a creación dun grupo de pandeireteiras coñecido como “As pandeireteiras de Mos”. O grupo estivo formado inicialmente por varias rapazas do centro e mantivo a súa actividade durante seis anos, período no que recolleu o testemuño musical de dúas veciñas da zona, Josefina Caeiro e Rosa Bralo. O relatorio será impartido por Mercedes Autrán, integrante daquela formación, quen explicará o proceso de recollida e transmisión promovido polas docentes Cristina García, vinculada a Cantigas e Agarimos, e Mercedes Rodríguez, integrante de Leilía, nun exemplo de transmisión patrimonial interxeracional. As gravacións realizadas durante este proceso, así como materiais dos ensaios, serán doadas ao Arquivo Sonoro de Galicia.

O programa complétase con dúas intervencións máis: “A percusión de man no Real Coro Toxos e Froles de Ferrol”, impartida por Arturo Lamas Braña, e “O instrumento hoxe: método e novas técnicas de interpretación”, a cargo de Suso Vaamonde Manteiga. Ademais, participará en directo a Escola de Música e Baile Tradicional do Concello de Outes. Ao longo da xornada presentaranse tamén os primeiros estudos acústicos sobre a pandeireta, que pasarán a formar parte dos fondos do Arquivo Sonoro de Galicia, así como o método “Nova técnica de pandeireta galega”.

A mostra
A mostra pretende “achegar a diferentes públicos (estudantes do instrumento, público infantil, pero tamén profesionais…) o estado actual da pandeireta en Galicia”. Así o afirma Luciano Pérez, comisario da exposición, que considera que, malia ser un instrumento moi popular, “é un gran descoñecido por todas as innovacións elaboradas polos diferentes mestres artesáns”.

Achega o labor dos distintos mestres nas súas técnicas particulares de utilización de materiais, sistemas de tensado e acústica, e permite ver, a través de sete vitrinas, o trazado do conxunto en Galicia. Comeza cunha selección de instrumentos históricos, como a pandeireta do mestre artesán Manuel Fernández Martínez, o vello Barranco, que custou 20 pesetas no ano 1947, ou unha pandeira da colección do Real Coro Toxos e Froles de Ferrol, da que se descoñece o seu artesán, pero que é centenaria. Nesta vitrina inclúese tamén a pandeireta do primeiro artesán do que se ten noticia por gravar o seu nome no instrumento, Gonzalo Álvarez Martínez.

“Imos amosar fontes documentais e técnicas de construción; poderemos ver o despece do instrumento e, ademais, escoitar audios sobre o son particular de cada un destes instrumentos”, apunta Luciano Pérez.

A mostra tamén aborda a evolución dos parches, tradicionalmente feitos coa pel de ovellas e cabras, que foron evolucionando primeiro mediante o uso das mesmas peles, pero con distintos tratamentos (estabilizantes, curtidos, tinguidos, encolados…), ata chegar á simulación sintética (plásticos, vinilos e outros materiais) deses mesmos parches naturais, con vantaxes tecnolóxicas que melloran a súa estabilidade e afinación. Analízase tamén a evolución das ferreñas, orixinariamente de ferro e que hoxe en día son de folla de lata cun baño de estaño de distintos grosores e formas (lisas, feitas con matriz, rizadas ou simplemente dobradas á man). Cada artesán emprega a súa propia técnica, o que condiciona a intensidade do son.

Ademais, tamén se amosan un conxunto de prendas orixinais da cantareira da Chisca, Josefina Caeiro Freire, nada en 1926, así como recreacións realizadas no ano 1986 pola cantareira de Rois, Mercedes Autrán Romero. A exposición comezou a súa itinerancia en Lugo, desde onde se trasladou a Pontevedra e Ferrol.