NOTICIA

----

Presentada a edición facsimilar Árbol, de Julio José Casal

O Consello da Cultura Galega (CCG) acolleu a presentación da edición facsimilar do libro Árbol de Julio José Casal (Montevideo, 1889 -1954). A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, destacou no acto a figura de Julio José “que chega a Galicia como cónsul e desenvolve un labor extrarodinario como promotor da revista Alfar que é unha xoia mire por onde se mire”. Unha idea na que tamén afondou Ramiro Rodríguez Bausero, cónsul xeral do Uruguai. Pablo Eguren, neto do poeta, leu varios dos poemas da obra, que vén de cumprir 100 anos da súa saída ao prelo; Pilar Cagiao, historiadora e profesora da Universidade de Santiago de Compostela (USC), situou a acción de Casal no marco da actividade cultural desenvolvida desde os equipos consulares e, nomeadamente, nos vínculos entre Galicia e Uruguai.

A edición facsimilar de Árbol, obra senlleira de Julio José Casal, conmemora o centenario da saída ao prelo desta obra. O poemario publicouse na Coruña en 1925, cidade coa que Casal mantivo unha intensa relación xa que estivo destinado como cónsul do Uruguai entre 1913 e 1926. Durante a súa estadía desenvolveu unha importante actividade cultural na que destaca a fundación da revista Alfar, unha publicación fundamental para a difusión das correntes artísticas e literarias renovadoras tanto en Galicia como en América Latina e moi ligada aos movementos de vangarda.

Julio José Casal está considerado un dos grandes poetas uruguaios do século XX. A súa obra caracterízase por unha poesía intimista, delicada e marcada por unha fonda sensibilidade estética. Ademais da súa faceta literaria, Casal destacou como editor e dinamizador cultural, especialmente a través da revista Alfar, desde a que impulsou o diálogo entre as vangardas europeas e americanas. Na presentación, Rosario Álvarez destacou “a altura intelectual dos seus colaboradores e a súa excelencia desde todos os perfís”. Idea na que insistiu Pilar Cagiao que citou as colaboracións de Francisco Miguel e de Juan del Valle para abrir o foco e poñer de manifesto o “compromiso que Casal estivo tamén coa causa republicana”. Cagiao tamén situou o labor cultural de Julio Casal en paralelo ao seu labor consular, en consonancia co destacado papel que exerceu naquel entón a chamada diplomacia branda. Centrouse nas pontes que se teceron entre a intelectualidade local (que era de primeira de primeiro orde con figuras como Huici) e a intelectualidade e os artistas do contexto español e europeo.

Pechou o acto o seu neto, Pablo Eguren que tamén fixo un repaso pola traxectoria literaria e cultural de Casal na súa estadía coruñesa, primeiro na revista Vida, logo no boletín de Casa América de Galicia que desembocaron en Alfar que tivo dúas etapas, unha galega (entre 1923 e 1926) e unha segunda en Uruguai (entre 1929 e 1955).