O Pleno da institución votou favorablemente a candidatura de Dolores Vilavedra, única presentada para a Presidencia do Consello da Cultura Galega tras a finalización do segundo mandato de Rosario Álvarez. A presidenta electa do CCG xa desempeñaba a Vicepresidencia da institución desde 2024 e ten unha longa traxectoria na mesma, onde foi secretaria e coordinadora de diferentes comisións e seccións.
Tras a súa elección, Dolores Vilavedra comparecerá como presidenta electa no Parlamento de Galicia nas datas que fixe esta institución. O seu nomeamento será efectuado no Consello da Xunta de Galicia e, posteriormente, publicado no Diario Oficial de Galicia. Tras o seu nomeamento oficial, o Pleno do Consello da Cultura Galega elixirá os membros da Comisión Executiva por proposta da presidenta.
Liñas xerais do seu mandato
A presidenta electa do CCG apuntou a unha “consciente actualización do papel e das funcións dunha institución que se encamiña cara aos 50 anos”. Nese sentido, destacou que potenciará o traballo en equipo en distintos niveis e fortalecerá as relacións institucionais dentro e fóra de Galicia. Na acción exterior, piar fundamental da institución, intensificará tamén as relacións co Etxepare Euskal Institutua e co Institut Ramon Llull.
Entre as súas prioridades situou a vontade de “facer visible o compromiso desta institución coa sabedoría, a capacidade de análise e reflexión, o espírito crítico e o valor do coñecemento científico”. Dolores Vilavedra salientou que o camiño percorrido polo CCG “no fomento do diálogo entre a cultura humanística e a científica xa non ten volta atrás” e asegurou que procurará manter a diversidade disciplinaria que caracterizou a institución desde a súa creación, así como unha aposta decidida “pola divulgación e pola excelencia”.
Vilavedra apuntou tamén que outro dos grandes obxectivos será chegar a novos públicos, especialmente ás xeracións máis novas. Ademais, expresou a súa preocupación polas desigualdades no acceso á cultura e polos atrancos que determinados novos grupos cidadáns poden atopar no achegamento á lingua e á cultura galegas. “Garantir o seu dereito a ser galegos e galegas de pleno dereito tamén nas prácticas culturais debería constituír unha prioridade nos vindeiros anos”, concluíu.
Subliñou a importancia de reforzar o papel asesor da institución e anunciou medidas como o fortalecemento do Observatorio da Cultura Galega e a elaboración dun plan de dixitalización progresiva dos fondos do CCG, tanto dos distintos arquivos como dos legados que a institución recibe de maneira continuada.
Longa traxectoria na cultura galega
Catedrática de Literatura Galega da Universidade de Santiago de Compostela. Entre 2019 e 2026 coordinou a área de Artes e Humanidades da Escola de Doutoramento Internacional da USC (EDIUS) e entre 2015 e 2021 foi responsable do Programa de Doutoramento en Estudos da Literatura e da Cultura. Formou parte da Red de Estudios y Datos sobre la Edición Iberoamericana y Transnacional (RED-EDIT) como responsable da edición galega e actualmente está integrada no grupo de investigación FILGA do Instituto da Lingua Galega e participa no proxecto “Cultura impresa en lingua galega”.
Especialista en narrativa galega contemporánea, exerce habitualmente a crítica literaria en medios especializados e divulgativos; así, por exemplo, nos anos 90 iniciou o seu comentario crítico semanal de libros no Diario Cultural da Radio Galega durante máis de dez anos e formou parte do equipo habitual da edición galega do xornal El País; tras retornar en 2022 á Radio Galega, nestes dous últimos pasou a ter un espazo no programa Zigzag da TVG. Foi membro do consello de redacción da revista Grial e directora do Anuario de Estudos Literarios Galegos entre 2002 e 2007. Coordinou a elaboración do Diccionario da literatura galega, en 4 tomos, e entre as súas publicacións salientan Historia da literatura galega (1999), Sobre narrativa galega contemporánea (2000) e A narrativa galega na fin de século. Unha ollada crítica (2010) , así como a edición de varios epistolarios de escritores e intelectuais galegos (Álvaro Cunqueiro, Carballo Calero, Neira Vilas) e de obras clásicas (Follas novas, Retrincos, O castelo de Pambre). Nas súas publicación máis recentes achegouse a cuestións relacionadas co tratamento literario da memoria histórica e da emigración na narrativa galega actual, así como á análise das singularidades históricas e discursivas da narrativa galega contemporánea. Tradutora ocasional, verteu ao castelán obras de Manuel Rivas e António Lobo Antunes, e ao galego a Pirandello, Amélie Nothomb ou Roberto Cossa. É membro da Asociación Galega da Crítica, entidade da que foi fundadora.
Ten unha longa traxectoria de traballo en distintas áreas do Consello da Cultura Galega: en 2015 foi elixida membro do Plenario da institución e en 2019 e ata 2022 foi secretaria da Comisión Executiva. En 2023 retornou á institución como representante do Instituto da Lingua Galega. Na actualidade era vicepresidenta e coordinadora da Sección de Lingua, Literatura e Comunicación.





