NOTICIA

----

Aberta a mostra Eu tamén navegar, cincuenta anos de feminismo galego a través das súas loitas, voces e símbolos

Pancartas, fotografías, publicacións, cartaces, obxectos, accións simbólicas e materiais documentais permiten reconstruír as principais loitas feministas desenvolvidas en Galicia desde os anos setenta ata a actualidade. Conforman o relato discursivo de Eu tamén navegar. As ondas do feminismo galego, o novo proxecto expositivo do Consello da Cultura Galega (CCG). A mostra conmemora medio século de feminismo organizado en Galicia e propón unha reflexión sobre a fonda pegada social, política e cultural do movemento feminista no país. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez; a vicerreitora de Cultura, Lingua e Patrimonio da USC, Ana Cabana; máis Montse Fajardo e Carme Adán, comisarias da mostra, inauguraron na tarde deste venres a mostra, que se poderá visitar no Claustro Alto do Colexio de Fonseca en Santiago ata o vindeiro 9 de xullo.

Estruturada en tres grandes bloques temáticos, os 16 paneis da mostra reivindican o feminismo galego como un movemento plural, combativo e profundamente transformador, capaz de mudar leis, discursos e vidas.

“Dona de seu” e o título do primeiro bloque que afonda na conquista do propio corpo e da autonomía das mulleres. A exposición revisa cuestións centrais como a sexualidade, o aborto, o divorcio, a violencia machista ou a liberdade sexual durante a Transición e as décadas posteriores. Entre os materiais máis destacados figuran campañas históricas a favor do aborto libre e gratuíto, panfletos da Asociación Galega da Muller (AGM), fotografías de mobilizacións feministas e lemas que marcaron xeracións enteiras, como “Eu tamén son adúltera” ou “Non estamos todas, faltan as asasinadas”. Este bloque recupera tamén episodios pouco coñecidos, como as accións contra a pornografía realizadas en Compostela en 1978 —cando feministas cubriron os carteis de filmes como Emmanuelle— ou os peches no Pazo de Raxoi en solidariedade coas mulleres procesadas por abortar. Especial relevancia ten a presenza do activismo lesbiano e das disidencias sexuais, con referencias á primeira marcha do Orgullo en Vigo, aos colectivos pioneiros e á recuperación da memoria de Elisa e Marcela. Publicacións feministas históricas, carteis reivindicativos e materiais de colectivos como Mulheres Transgredindo ou a Marcha Mundial das Mulleres amosan a forza dun feminismo que cuestionou todas as formas de control sobre os corpos.

O segundo bloque, “Na casa non quedaremos”, céntrase na conquista do espazo público, laboral, político e intelectual por parte das mulleres galegas. Recolle as mobilizacións por salarios dignos, a denuncia da discriminación laboral ou as campañas polo recoñecemento do traballo doméstico e dos coidados. Entre os materiais expostos destacan documentos sobre o Servizo Social feminino franquista, campañas sindicais, fotografías de manifestacións e publicacións que denunciaban a “dobre xornada” das mulleres. Tamén aborda a creación das primeiras institucións de igualdade en Galicia, a chegada das mulleres ás alcaldías, ao Parlamento ou ás universidades, así como a construción dunha rede feminista cultural e académica. Neste apartado teñen especial protagonismo revistas históricas como Andaina ou Festa da Palabra Silenciada, materiais do colectivo “Do Rosa ao Violeta” ou obras e referencias de figuras fundamentais como Rosalía de Castro e outros nomes destacados como María Xosé Queizán ou Aurora Marco. A mostra permite seguir tamén a evolución da presenza política das mulleres a través de gráficos e datos históricos, desde as primeiras alcaldesas democráticas ata a creación das leis de igualdade e das políticas públicas feministas en Galicia.

O último bloque, titulado “As nenas malas van a todas as partes”, explora a dimensión internacional, ecoloxista, cultural e antisistémica do feminismo galego. A exposición revisa o papel das mulleres nos conflitos ambientais e sociais do país: desde As Encrobas ata o Prestige, pasando polas mobilizacións contra a minaría contaminante ou os grandes proxectos extractivistas. Un dos elementos máis simbólicos deste espazo é a recuperación da histórica marcha convocada pola Marcha Mundial das Mulleres tras a catástrofe do Prestige baixo o lema “Nunca máis chapapote patriarcal”. Fotografías das redeiras elaborando barreiras artesanais, pancartas ecofeministas e materiais de protesta conectan memoria e presente.
O percorrido remata coa reflexión arredor da lingua, a cultura e a identidade. Retrata unha das características do feminismo galego que é un movemento profundamente ligado á defensa do país e da lingua propia, capaz de cuestionar mitos como o do “matriarcado galego” e de construír un pensamento feminista con voz propia. Ao longo da mostra, lemas históricos, vídeos, publicacións, fotografías e pezas gráficas dialogan co presente e lembran que moitos dos dereitos conquistados foron resultado directo da organización colectiva e da desobediencia feminista.

Os fondos dos que se nutre a mostra pertencen ao proxecto «Memoria en movemento» do Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF). Ademais, a mostra está pensada en clave feminista e toda a tipografía empregada no proxecto é feita por mulleres, así como as tres fotografías destacadas. Este proxecto encádrase nunha das liñas de acción da institución que afonda nos movementos sociais e culturais previos á Transición e que son claves para entender a evolución da Galicia contemporánea.