Esta xornada encádrase nunha das liñas de acción do CCG que afonda nos movementos sociais e culturais previos á Transición e que son claves para entender a evolución da Galicia contemporánea. Arrinca coa proxección o documental A Terra por gañar, que narra 50 anos da asociación. En 50 minutos percorre o impacto do movemento ecoloxista galego, ás agresións ambientais sufridas dende o inicio da sociedade industrial e a un presente de loita no que os conflitos locais tornaron en desafíos globais.
Trala proxección terá lugar un debate moderado por Belén Rodríguez, secretaria executiva de ADEGA, no que participarán destacados membros fundadores e da actual dirección de ADEGA: Ramón Varela Díaz, doutor en Bioloxía e expresidente de ADEGA; Adela Figueroa Panisse, socia fundadora da asociación e escritora; Pilar Bermejo Barrera, catedrática de Química Analítica da USC; e Fins Eirexas, xeólogo e secretario técnico de ADEGA. No mesmo acto, farase entrega do libro titulado ADEGA: 50 anos coidando a terra.
50 anos de asociación ecoloxista galega
ADEGA xorde a mediados da década de 1970 como resposta á problemática ambiental do momento, aínda no contexto da ditadura franquista no Estado español e de dependencia da nosa terra a respecto do Estado. E tamén nun contexto internacional de preocupación incipiente polas problemáticas ambientais: o esgotamento dos recursos, a explotación de especies xa en perigo, as intervencións nos ecosistemas e, nomeadamente, a contaminación química e os riscos da enerxía nuclear.
Sempre en colaboración con outros sectores sociais e con outras organizacións, ADEGA contribuíu a gañar moitas das loitas que a sociedade galega librou. Loitas que evitaron numerosos proxectos de novas celulosas, unha central nuclear, a continuación dos vertidos radioactivos na Fosa Atlántica, concentracións parcelarias altamente destrutivas, un feixe de grandes encoros, máis dun cento de minicentrais nos ríos, varias incineradoras de residuos, proxectos de megaminaría, megaproxectos acuícolas na Rede Natura, numerosos parques eólicos de alto impacto ambiental... Unha loita que tamén impulsou actuacións en positivo: de reciclaxe, compostaxe doméstica e comunitaria, limpezas simultáneas de praias e ríos, o Proxecto Ríos, propostas de lexislación popular para o Parlamento galego e unha contribución singular e pioneira á sensibilización ambiental da cidadanía.


