NOTICIA

----

Catrocentos nenos e nenas cantan a Terra Cha en Vilalba na décima edición de No bico un cantar

A Terra Chá protagoniza a décima edición de No bico un cantar, actividade organizada polo Consello da Cultura Galega (CCG), a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia, coa colaboración do Concello de Vilalba. “Unha actividade que percorre todo o país e que pon música á tradición literaria galega para divulgala entre o alumnado dos conservatorios e centros de ensino musical”, apuntou a presidenta do CCG, Rosario Álvarez, na presentación desta edición. O director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, destacou que se trata “dun proxecto moi querido que resulta dun esforzo colectivo que ten por detrás moitas entidades”. Unha idea na que incidiu o subdirector xeral de Aprendizaxe Permanente, Ensinanzas Artísticas, Idiomas e Deportivas, Rubén Vázquez, ao destacar “a colaboración como un piar fundamental para achegar a cultura galega á cativada de toda Galicia”. A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, salientou a implicación do Concello, que xuntará este venres (5 de xuño, ás 17:30 horas) 400 nenas e nenos chegados de toda Galicia. O director do concerto, Maximino Zumalave, apuntou que se “trata dunha xornada especial que permite facer música con xente moi nova”. Por último, Alejo Amoedo, membro da Comisión Executiva, destacou a excelencia musical que caracteriza o programa, “desde a dirección do concerto polo mestre Zumalave ata os arranxos realizados por Juan Durán”.

A décima edición do encontro musical No bico un cantar chega a Vilalba para cantar a Terra Chá, berce de grandes poetas como Darío Xohan Cabana, Xosé Crecente Vega, Xosé María Díaz Castro, Miguel Anxo Fernán Vello, Aquilino Iglesia Alariño, Manuel María, Margarita Ledo ou Carmiña Prieto Rouco. A actividade, que terá lugar este venres 5 se xuño, arrincará pola mañá coa chegada dos nenos e nenas desde diferentes puntos de Galicia para os ensaios previos. Unha xornada de convivencia que contará con diferentes actividades lúdicas que acompañan aos ensaios, os únicos que fan todos xuntos, xa que levan preparando o programa ao longo do ano nos seus respectivos centros. Pola tarde, ás 17:30 horas, terá lugar o concerto na escalinata da praza de Santa María. Maximino Zumalave volve poñerse á fronte deste concerto, que contará coa participación da agrupación de metais Hércules Brass, conformada por Alejandro Vázquez (trompeta), Víctor Manuel Vilariño (trompeta), Javier González (trompa), Iago Ríos (trombón) e Rodrigo Rodríguez (tuba), que se converte nesta ocasión nun sexteto coa participación de Xulio Varela Carballeira (trompa convidado). No recital participarán alumnas e alumnos dos conservatorios profesionais de música (CMUS) dependentes da Consellería de Educación: CMUS da Coruña, CMUS Xan Viaño de Ferrol, CMUS Xoán Montes de Lugo, CMUS de Ourense, CMUS Manuel Quiroga de Pontevedra, CMUS de Santiago de Compostela, CMUS profesional de Vilalba, a escolas municipais de música do Pallarego de Mondoñedo, Ribadeo e Xove máis o coro infantil da OSG e o coro da Escolanía da Catedral de Santiago de Compostela. Un ano máis, a escritora Rosa Aneiros exercerá de mantedora do acto.

O programa
O programa do concerto está inspirado na terra chairega e na súa extraordinaria contribución á literatura e á cultura galegas, a través dun diálogo entre poesía e música que percorre distintas épocas e sensibilidades creativas., Abrirá con dúas pezas renacentistas de Giles Farnaby e Anthony Holborne que funcionan como introdución sonora ao concerto. A continuación soará María Balteira, sobre o poema de Darío Xohán Cabana e música de Xosé Luís Rivas (Mini), unha recreación contemporánea dunha das figuras femininas máis singulares da lírica medieval galego-portuguesa. Seguiralle O carro, unha das composicións máis emblemáticas da música galega contemporánea, creada por Fuxan os Ventos a partir do coñecido poema de Manuel María, considerado un auténtico himno popular vencellado á Terra Chá e á memoria do mundo rural. O programa continuará con Caracol, tamén sobre versos de Manuel María e música de Margarita Viso, unha peza de gran delicadeza que evoca a mirada poética do autor sobre a natureza e a paisaxe chairega.


Na segunda parte, a Fanfarria Rhaptosodya n.º 1, inspirada nunha obra de Paul Dukas, servirá de ponte a un dos momentos máis especiais: a estrea absoluta de Dicir do namorado, composición creada por encarga por Paulino Pereiro sobre o poema homónimo de Xosé Crecente Vega, unha das voces fundamentais da poesía da Terra Chá. O concerto culminará con Maio longo, sobre o célebre poema de Rosalía de Castro incluído en Follas novas e musicado por José Baldomir, convertido en himno da proposta. Todas as pezas contan con arranxos para coro e sexteto de metais realizados por Juan Durán, quen dota o repertorio dunha unidade artística que realza tanto a riqueza dos textos como a diversidade das linguaxes musicais presentes no concerto.

No bico un cantar
No bico un cantar é unha iniciativa organizada polo Consello da Cultura Galega en colaboración coas consellerías de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia. Nas súas sete primeiras edicións o proxecto estivo dedicado a Rosalía de Castro (2013, Santiago de Compostela), Curros Enríquez (2014, Celanova), Ramón Cabanillas (2015, Cambados), os trobadores medievais (Cangas, 2016), os poetas mindonienses (Mondoñedo, 2017), os alalás (Betanzos, 2018) , a tradición musical da raia (Tui, 2019) en 2024 retomouse o concerto trala parada obrigada pola COVID, coa homenaxe á xeración Nós, que tivo lugar en Ribadavia. En 2025, desde Rianxo, conmemorouse o 75 cabodano de Castelao.