----

A poesía da Terra Chá resoou en Vilalba na décima edición de “No bico un cantar”

Un gran coro formado por 400 nenas e nenos chegados de toda Galicia cantou esta tarde en Vilalba as verbas dos poetas da Terra Chá no concerto “No bico un cantar”. “Esta é unha actividade pensada para a rapazada, auténticos protagonistas, nunha experiencia que esperemos sexa inesquecible”, apuntou a presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, no inicio desta actividade esta institución organiza xunto coas consellerías de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia máis a colaboración do Concello de Vilalba. O director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, destacou a iniciativa “na que cada ano se implican centos de persoas dando mostra dun importante traballo colectivo a prol da nosa cultura que é especialmente relevante pola implicación das xeracións máis novas”. Unha idea na que incidiron a alcaldesa de Vilalba e a directora xeral de Educación Profesional, Eugenia Pérez, nas súas intervencións. Maximino Zumalave dirixiu este gran coro acompañado da formación de metais Hércules Brass, con Rosa Aneiros como mantedora. Ademais, anunciouse que a vindeira edición homenaxeará a Xosé Neira Vilas.

A formación de metais Hércules Brass abriu o concerto con dúas pezas renacentistas de Giles Farnaby e Anthony Holborne que funcionan como introdución sonora ao concerto. O programa continuou con Caracol, tamén sobre versos de Manuel María e música de Margarita Viso, unha peza de gran delicadeza que evoca a mirada poética do autor sobre a natureza e a paisaxe chairega. A continuación soou María Balteira, sobre o poema de Darío Xohán Cabana e música de Xosé Luís Rivas (Mini), unha recreación contemporánea dunha das figuras femininas máis singulares da lírica medieval galego-portuguesa. O carro, unha das composicións máis emblemáticas da música galega contemporánea, creada por Baldomero Iglesias en Fuxan os ventos a partir do coñecido poema de Manuel María, considerado un auténtico himno popular vencellado á Terra Chá e á memoria do mundo rural.

Na segunda parte, a Fanfarria Rhaptosodya n.º 1, inspirada nunha obra de Paul Dukas, serviu de ponte a un dos momentos máis especiais: a estrea absoluta de Dicir do namorado, composición creada por encarga por Paulino Pereiro sobre o poema homónimo de Xosé Crecente Vega, unha das voces fundamentais da poesía da Terra Chá. O concerto rematou, como é habitual, con Maio longo, sobre o célebre poema de Rosalía de Castro incluído en Follas novas e musicado por José Baldomir, convertido en himno da proposta. Juan Durán, foi o encargado dos arranxos de case todas as pezas que dotou o repertorio dunha unidade artística que realza tanto a riqueza dos textos como a diversidade das linguaxes musicais presentes no concerto.

Os protagonistas desta edición
Maximino Zumalave é o director deste concerto que conta coa participación da agrupación de metais Hércules Brass, conformada por Alejandro Vázquez (trompeta), Víctor Manuel Vilariño (trompeta), Javier González (trompa), Iago Ríos (trombón) e Rodrigo Rodríguez (tuba), que se converte nesta ocasión nun sexteto coa participación de Xulio Varela Carballeira (trompa convidado). No recital participarán alumnas e alumnos dos conservatorios profesionais de música (CMUS) dependentes da Consellería de Educación: CMUS da Coruña, CMUS Xan Viaño de Ferrol, CMUS Xoán Montes de Lugo, CMUS de Ourense, CMUS Manuel Quiroga de Pontevedra, CMUS de Santiago de Compostela, CMUS profesional de Vilalba, a escolas municipais de música do Pallarego de Mondoñedo, Ribadeo e Xove máis o coro infantil da OSG e o coro da Escolanía da Catedral de Santiago de Compostela. A escritora Rosa Aneiros exerceu, un ano máis, de mantedora do acto.


No bico un cantar
"No bico un cantar" é unha iniciativa organizada polo Consello da Cultura Galega en colaboración coas consellerías de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia. Nas súas sete primeiras edicións o proxecto estivo dedicado a Rosalía de Castro (2013, Santiago de Compostela), Curros Enríquez (2014, Celanova), Ramón Cabanillas (2015, Cambados), os trobadores medievais (Cangas, 2016), os poetas mindonienses (Mondoñedo, 2017), os alalás (Betanzos, 2018) , a tradición musical da raia (Tui, 2019) en 2024 retomouse o concerto trala parada obrigada pola COVID, coa homenaxe á xeración Nós, que tivo lugar en Ribadavia. En 2025, desde Rianxo, conmemorouse o 75 cabodano de Castelao.