----

A presidenta electa, Dolores Vilavedra, comparece no Parlamento de Galicia

A presidenta electa do Consello da Cultura Galega (CCG), Dolores Vilavedra (Vigo, 1963), compareceu na tarde deste venres na Comisión 4ª de Educación e Cultura do Parlamento de Galicia, no paso previo ao seu nomeamento oficial. Alí perfilou as liñas xerais do seu mandato que se caracterizan por reforzar o Observatorio da Cultura Galega, avanzar nos dereitos culturais, chegar a novos públicos e adaptar a institución aos retos de futuro. Entre as primeiras medidas anunciou un informe sobre a lectura e un plan cuatrienal de dixitalización. O seguinte trámite será o nomeamento polo Consello da Xunta de Galicia e, posteriormente, a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A presidenta electa destacou na comparecencia que será unha prioridade o compromiso da institución “coa sabedoría, a capacidade de análise e reflexión, o espírito crítico e o valor do coñecemento científico”. Destacou que se traballará para que a cidadanía perciba o CCG como un espazo “útil, vivo e permeable”. Un obxectivo que Dolores Vilavedra sintetizou na idea “máis sociedade no Consello, máis Consello na sociedade”. No seu mandato avanzarase en chegar a novos públicos e a públicos máis novos e incorporar novos formatos singulares para que a mocidade non sexa só consumidora, senón tamén produtora.

Entre as primeiras actividades promoverá un “ambicioso” informe sobre a lectura en Galicia, que achegará información desatacada tanto para o mundo da educación como para toda a cadea da produción editorial e mesmo para as industrias culturais en xeral. Ademais, realizarase un plan cuatrienal de dixitalización progresiva de fondos documentais da institución que se irán seleccionando “tanto nos distintos arquivos coma nos legados que reiteradamente o CCG está a recibir e cuxa custodia e divulgación se nos encomenda”.

No marco da súa intervención reafirmou o seu compromiso persoal coa lingua vencellada á súa longa traxectoria profesional e que trasladará á súa acción á fronte da institución. Ademais, salientou a súa disposición a “colaborar lealmente con vontade construtiva co Goberno e co Parlamento de Galicia para o deseño de accións e políticas culturais máis eficaces”. Lembrou tamén que a ralentización no crecemento do orzamento da institución afecta ao desenvolvemento da súa actividade.

Eixes estratéxicos
A asesoría será un dos piares claves do seu mandato, para tal fin reforzará o Observatorio da Cultura Galega para “definir mellor as súas tarefas e protexelo do risco de atomización e dispersión do seu traballo”. Neste mesmo eido, a presidenta electa potenciará a liña de traballo, investigación e debate sobre o actual marco lexislativo e conceptual dos Dereitos Culturais no que o CCG é entidade referente na análise de acceso á cultura. ”Preocúpannos os atrancos que os novos grupos cidadáns que habitan Galicia poidan atopar no acceso á nosa lingua e a nosa cultura” subliñou ao tempo que fixo referencia que se traballará para facer a cultura máis accesible ás persoas con discapacidades de todo tipo.

En acción exterior, Dolores Vilavedra recolleu o labor desenvolvido nas etapas de Ramón Villares e de Rosario Álvarez nas que se desenvolveron importantes avances como a incorporación do CCG na Comunidade dos Países de Língua Portuguesa (CPLP), como membro observador consultivo e ser suxeito facultado pola Lei de acción exterior para desenvolver esta función. Apuntou que se reforzarán “os lazos con institucións como os institutos Llull e Etxepare, entes moi diferentes do CCG en certos aspectos pero cos que compartimos unha folla de ruta lingüístico-literaria, así como coa AIEG, e cos distintos centros de estudos galegos espallados polo mundo”.

Os diferentes grupos parlamentarios destacaron o lugar de reflexión, asesoría e fomento do coñecemento científico da institución. Ademais de felicitar á presidenta electa, destacaron o traballo da presidenta saínte, Rosario Álvarez, que cualificaron como “serio, rigoroso e institucional”.