O especial arrinca co primeiro episodio da serie documental “As músicas do vinte”, dirixida e producida por Isaac Pazos, que pon en valor o traballo dunha serie de artistas que están a protagonizar a nova creación musical galega. A primeira estaba centrada en Nuno Pico e o seu proxecto musical: Grande Amore.
Entre as propostas que se recollen nesta entrega, hai dous vídeos sobre a regueifa. Nun deles os integrantes do grupo SonDaRúa fálannos da cultura hip hop e fannos unha demostración práctica sobre a improvisación oral no rap e, no outro, é un obradoiro da regueifa en vídeo (con seis pezas audiovisuais). Outro dos vídeos está centrado no "rock bravú", un movemento musical que a mediados dos anos 90 revolucionou a escena musical galega cun rock cantado en galego, inspirado na cultura popular e acompañado de guitarras eléctricas. Un dos seus máximos expoñentes, Xurxo Souto, guía este documental que fai un percorrido polos grupos como Os Diplomáticos de Monte Alto, Os Rastreros, Skornabois, Os Impresentables, Os Papaqueixos ou O Caimán do Río Tea.
Da man da USC - e co obxectivo de poñer á disposición do alumnado dos graos en Mestre de Educación Primaria e Mestre de Educación Infantil material para coñecer o patrimonio cultural galego a través do xogo tradicional- hai un vídeo sobre os aspectos musicais vinculados ao xogo tradicional, así coma das características dos xoguetes musicais e do repertorio de cancións infantís con xogo (ou xogos cantados).
Nesta entrega tamén se achegan un audiovisual para elaborar instrumentos, como un do “Proxecto Ronsel” para construír un mirlitón, instrumento musical da familia dos membranófonos (unha cana á que se lle fai un pequeno burato nun dos laterais). Hai tamén unha charla do antropólogo Rafael Quintiá sobre a foliada, na que debulla en que consistiu o traballo de elaboración do informe para o recoñecemento desta manifestación como Ben de Interese Cultural (BIC).
Non podía faltar a gaita e o especial recolle unha charla-concerto de carácter didáctico no que Pablo Carpintero e Rosa Sánchez fan un percorrido polas gaitas de fol existentes en diferentes lugares do noroeste da península polos que transcorre o Camiño de Santiago.
Pecha esta entrega catro pezas de contido diverso: unha sobre as principais figuras musicais do Romanticismo, con especial mención para Pascual Veiga, autor do himno de Galicia; outra sobre o contexto do órgano en Galicia; outra sobre a lírica galego-portuguesa e os seus principais xéneros; e outra sobre as cantigas de transmisión oral e, máis concretamente no "alalá", canto popular galego lento, sen acompañamento instrumental, considerado a forma máis antiga de música tradicional galega.
Unha iniciativa de divulgación
“Proxector: audiovisuais en galego para a docencia” é un espazo web dedicado a recompilar, clasificar e difundir recursos audiovisuais que sirvan de apoio á docencia en lingua galega de diversas materias de bacharelato e de ensino universitario.
O proxecto orixinal foi deseñado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela e botou a andar no ano 2015 no portal educativo Didactalia. En 2018 o CCG, a través do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG), sumouse á iniciativa e comezou a participar de xeito activo tanto na súa coordinación como na edición de contidos. Cumprindo coas competencias que lle son propias no eido da preservación e difusión do idioma galego, o CCG acordou asumir tamén a custodia dos datos recompilados ao longo destes anos e que, a partir de agora, estarán ao dispor da cidadanía no sitio web institucional.
Os vídeos están clasificados segundo a súa temática, o idioma no que foron gravados ou subtitulados e o nivel de ensino no que se considera que poden ser empregados. A maiores, ofrécese unha ficha descritiva coa información básica de cada recurso. Pódese acceder aos contidos a través da busca libre ou dos diferentes despregables, que permiten filtrar os resultados segundo os criterios de clasificación antes citados.



