A sesión arrinca coa inauguración de “De aquí o xerme saíu. Presenzas galegas de Camões”, a exposición comisariada polo subdirector da Fundación Penzol, Xosé Manuel Dasilva. Entre os contidos expositivos inclúese unha parte bibliográfica, pertencente aos fondos da Penzol, que dá conta da recepción da obra e da figura do escritor en Galicia, así como valiosa documentación, entre a que figura o privilexio do século XIV polo que Henrique III privou do seu señorío na vila de Baiona a Vasco Pérez de Camões, tataravó do poeta.
Pola súa banda, Xosé Manuel Dasilva, catedrático da Universidade de Vigo, abrirá tamén a sesión da tarde (16:30 horas) coa presentación de Camões en Galicia (Galaxia, 2026). Neste volume reúne unha serie de estudos que afondan nas pegadas galegas do mestre e que revelan o alento camoniano de figuras senlleiras da cultura galega, desde o padre Sarmiento ata Rosalía de Castro, Curros Enríquez ou Eduardo Pondal, autor d’Os Eoas, a «proposta de meirande ambición» das letras galegas —apunta—, que tratou de acadar os mesmos logros ca o poeta portugués coa epopea Os Lusíadas.
O presidente da Real Academia Galega (RAG), Henrique Monteagudo, intervirá cun relatorio sobre a visión da lingua galega e dos galegos no Portugal do século de Camões, certamente pouco positiva, como lamentara o padre Sarmiento en referencia ao verso d’Os Lusíadas que di «Ó sórdidos galegos, duro bando». Da banda portuguesa intervirán Micaela Ramon, profesora da Universidade do Minho, co relatorio «Um dia Camões nasceu e nunca mais morreu: mecanismos de preservação da memória literária no século XXI»; e José Carlos Seabra Pereira, profesor da Universidade de Coimbra, coa contribución titulada «Inquietação e conhecimento na poesia de Camões (matéria perigosa?)».
A partir das 18:30 horas, a Casa Galega da Cultura será escenario do recital poético-musical coordinado pola directora da Sección de Literatura da RAG, Marilar Aleixandre, no que lle porán voz a versos de Camões as académicas Chus Pato e Fina Casalderrey, o académico correspondente Ramón Nicolás, a xornalista Cláudia Morán, a escritora e investigadora Rexina Vega, Henrique Monteagudo e a propia Aleixandre. César Morán pechará este apartado coa interpretación de «Verdes são os campos».
O Consello da Cultura Galega, a Fundación Penzol, a Real Academia Galega e a Estrutura de Missão para as Comemorações do V Centenário do Nascimento de Luís de Camões son os organizadores desta sesión, que conta coa colaboración do Concello de Vigo, o Consulado-Geral de Portugal em Vigo, a Editorial Galaxia e o Camões – Centro Cultural Português em Vigo.



