NOTICIA

----

Asinado un acordo de colaboración coa Universidade do Minho

A presidenta en funcións do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, e a pró-reitora para a Cooperación Internacional da Universidade do Minho (UMinho), Sandra Fernandes, asinaron este venres en Braga un protocolo de colaboración para o desenvolvemento de actividades conxuntas durante os vindeiros catro anos.

Este acordo renova o marco de cooperación existente entre ambas as institucións, fortalecendo unha relación consolidada ao longo dos anos arredor da promoción da cultura, a lingua e o coñecemento científico no ámbito galego-portugués. A través deste convenio continuarase impulsando a colaboración en publicacións, actividades de divulgación científica, proxectos de investigación e iniciativas de difusión cultural.

Entre as accións conxuntas que xa forman parte desta colaboración destacan os ciclos “Conversas na Raia” e o “Ciclo de Cinema Mulleres, Patrimonio, Sociedade”, iniciativas que favorecen o intercambio de coñecementos e experiencias entre Galicia e Portugal e que contribúen a reforzar os vínculos culturais e académicos entre ambos os dous territorios. O acordo tamén abre a porta á organización de novas xornadas, seminarios, congresos e encontros científicos, así como á cooperación en proxectos de investigación e transferencia de coñecemento.