NOTICIA

----

Contra el filo del río, novela inédita de Ramón Otero Pedrayo

O Consello da Cultura Galega (CCG) pon desde hoxe á disposición da cidadanía a edición dixital de Contra el filo del río, unha novela inédita de Ramón Otero Pedrayo escrita en 1945. A publicación contén unha presentación de Dolores Vilavedra, presidenta do CCG; un estudo introdutorio a cargo do profesor Xosé M. Salgado, un dos máximos especialistas na obra de Otero Pedrayo, e a reprodución facsimilar do manuscrito orixinal. A obra ponse na rede na véspera da entrega do Premio Trasalba 2026.

A edición constitúe un novo fito na recuperación do patrimonio literario galego e ofrece ao público unha obra descoñecida dun dos escritores fundamentais da cultura galega. Na presentación da edición, a presidenta do CCG, Dolores Vilavedra, destaca "a vasta creatividade" de Otero Pedrayo que atopou na creación “a áncora da supervivencia” no tempo das “miserias materiais e intelectuais” que o autor sufriu nas décadas dos 40 e 50, ao tempo que achega pistas para repensar “o peso de determinados modelos literarios na nosa tradición”.

A edición conta cun estudo crítico que contextualiza a obra dentro da produción narrativa da década de 1940 e abre novas vías para a investigación. Corre a cargo do profesor Xosé M. Salgado, un dos grandes oteriófilos e oteriólogos, que sitúa a novela no contexto da posguerra. Otero Pedrayo, apartado da vida pública e sometido ao chamado "exilio interior", atopou na escrita un espazo de resistencia intelectual. "A escrita vai ser para el un espazo catártico e redentor", sinala Salgado, que considera que esta obra mostra un autor que chegara "á plena madureza literaria na arte de contar". O investigador sostén que, aínda que non sexa a súa mellor novela, revela "o excelente novelista que é" e destaca "a mestría que demostra na elaboración da trama" e a capacidade para manter o suspense ata un sorprendente final.

Unha viaxe entre a realidade e o fantástico
Escrita en Trasalba, divida en nove capítulos e asinada co pseudónimo Santiago Amaral, Contra el filo del río é unha novela de tema fantástico que dialoga coa tradición europea de E. T. A. Hoffmann – no manuscrito pode lerse baixo o titulo “Fantasía al estilo de Hoffmann” - e con obras como El caballero de las botas azules, de Rosalía de Castro. A historia segue a Santiago Cañizares, un estudante madrileño que emprende unha misteriosa viaxe ata Arcaya, unha cidade suspendida entre o tempo histórico, a memoria e a morte. Ao longo do percorrido, o protagonista entra nun universo no que as fronteiras entre o real e o fantástico desaparecen, nun espazo dominado pola néboa, polos dobres, polas aparicións e por personaxes que parecen habitar entre a vida e a morte. Para Salgado, trátase dunha novela construída arredor dunha "viaxe mítica" organizada en tres momentos —partida, aventura e regreso—, na que "o fantástico irrompe no cotiá" e obriga o lector a cuestionar continuamente a realidade que se lle presenta. Na Coda final, Salgado destaca esta “agochada experiencia narrativa de don Ramón, presidida polo indeclinable atractivo dunha escrita de enorme poderío verbal, resplandecen o gusto e a habilidade de contar historias, cumprindo así unha das funcións esen¬ciais da literatura narrativa: a de entreter e estimula-la intelixencia do lector/a, facendo que abandone por unhas horas o seu mundo, e transportalo/a a outro alleo que enriqueza a súa imaxinación”.

A edición incorpora a reprodución do manuscrito autógrafo de 68 follas escritas en tinta negra por unha soa cara. A publicación enmárcase na liña de recuperación, edición e difusión do patrimonio bibliográfico e documental, facendo accesibles ao público textos inéditos de especial relevancia para a historia da literatura galega. Ao longo deste ano, o CCG tamén poñerá en rede outras obras de Otero Pedrayo.