NOTICIA

----

Dolores Vilavedra asume a presidencia cun compromiso coa lingua, os dereitos culturais e o coñecemento

“Inicio esta tarefa coa ilusión de quen emprende unha aventura, unha
viaxe cuxa meta é unha Galicia na que se dean as mellores condicións para o desenvolvemento dunhas prácticas culturais que reforcen a democracia, que combatan as desigualdades e que nos axuden a pensar novas formas de vida”. Con estas palabras, Dolores Vilavedra tomou posesión este venres como presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG) nun acto solemne celebrado na sede da institución. Contou coa presenza do presidente de honra do CCG, o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda Valenzuela; do delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco; do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices; da alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; do conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, ademais dunha ampla representación do ámbito político, institucional, académico, social e cultural.

A secretaria do CCG, Paula Cabaleiro, abriu o acto e deu lectura ao Decreto 60/2026 polo que se nomea a Dolores Vilavedra como presidenta. No seu discurso Vilavedra situou a produción de coñecemento no centro da misión da institución. Defendeu o CCG como un espazo de reflexión transversal e interdisciplinario capaz de ofrecer análises rigorosas que sirvan de referencia para a sociedade e para os poderes públicos. “Entre as moitas competencias que ao CCG lle corresponden por mandato legal, estou firmemente convencida de que hai unha que, dalgún xeito, abrangue todas: a de ser un ente activo de produción de coñecemento”, afirmou. Definiu as liñas estratéxicas do seu mandato, que pasan por reforzar o Observatorio da Cultura Galega, impulsar os dereitos culturais, ampliar os públicos da institución e adaptar o Consello aos retos do presente e do futuro. Entre as primeiras iniciativas avanzadas figuran a elaboración dun informe sobre a lectura en Galicia e a posta en marcha dun plan cuadrienal de dixitalización.

Vilavedra ofreceu ao Goberno galego “lealdade e respecto institucional, máxima colaboración e a nosa maior vontade de manter activas canles de comunicación fluídas”. Ao tempo, reivindicou a autonomía orgánica e funcional do Consello da Cultura Galega como condición indispensable para garantir a independencia, a obxectividade e o cumprimento da súa misión de defensa e promoción da cultura galega.

Outro dos eixes do seu discurso foi o reforzo do traballo na Rede. Vilavedra apostou por ampliar a colaboración co asociacionismo cultural, o sistema educativo, os centros de estudos galegos no exterior e as novas diásporas, así como por fortalecer o papel do Pleno, das seccións e das comisións como espazos de participación e representación da diversidade cultural galega. Ademais, expresou un compromiso “como cidadá e como presidenta” na defensa da lingua galega, e a necesidade de favorecer unhas condicións de uso, transmisión e difusión que aseguren o seu futuro. Xunto a isto, chamou a prestar maior atención á crecente diversidade cultural e lingüística da sociedade galega, “preocúpannos os atrancos que estes novos grupos cidadáns poidan atopar no acceso á nosa lingua e á nosa cultura. Garantir o seu dereito a seren galegos e galegas de pleno dereito tamén nas prácticas culturais debería ser unha prioridade nos vindeiros anos”.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, amosou o seu apoio á nova titular e fixo fincapé na fortaleza e no dinamismo que amosa actualmente o sector cultural na comunidade, grazas ao talento dos creadores locais. Así mesmo, subliñou que a acción cultural é unha prioridade transversal para a Xunta e apuntou a retos fundamentais que requiren a implicación de toda a sociedade a curto e medio prazo, entre os que salientou a procura de consensos arredor do Pacto pola Lingua neste 2026.

Vilavedra sucede a Rosario Álvarez, quen presidiu o Consello desde 2018 e no seu discurso de despedida definiu o seu mandato como “colaborativo, participativo e non presidencialista”. A presidenta saínte destacou o fortalecemento da rede institucional e social do Consello, a descentralización da súa programación, a aposta pola dixitalización e, especialmente, o contacto coa cultura de base. “Unha das maiores satisfaccións foi corroborar a forza da cultura de base, a que fan día a día homes e mulleres de todas as idades, en verdadeira transmisión interxeracional”, asegurou, antes de expresar a súa confianza na nova presidenta e o seu ofrecemento a seguir colaborando: “sempre me encontrará á disposición dela e do Consello da Cultura Galega para o que sexa mester”, apuntou.

O acto contou cun programa musical concibido como un diálogo entre literatura e creación musical. A apertura correu a cargo de Canto de berce, de Marcial del Adalid, sobre un poema de Fanny Garrido, unha obra que evoca a transmisión da memoria e do legado cultural entre xeracións. No ecuador do acto interpretouse Les roses de Saadi, da compositora Eugenia Saunier, sobre versos de Marceline Desbordes-Valmore, como símbolo da permanencia da creación artística fronte ao paso do tempo. O peche chegou con Maio longo, de José Baldomir, sobre un poema de Rosalía de Castro, unha composición emblemática do repertorio galego que proxecta unha mensaxe de esperanza, continuidade e renovación. As tres interpretacións estiveron a cargo da mezzosoprano Nuria Lorenzo López, acompañada ao piano por Alejo Amoedo Portela, recoñecido pianista e vicepresidente do CCG.