NOTICIA

----

Xosé Neira Vilas, figura homenaxeada co Día das Letras Galegas 2027

O Pleno da Real Academia Galega (RAG) vén de elixir a Xosé Neira Vilas (Gres, Vila de Cruces 1928 – 2015) como figura protagonista do Día das Letras Galegas 2027. Escritor, editor, investigador, activista cultural, divulgador e referente da literatura galega contemporánea, Neira Vilas estivo marcado pola súa experiencia como emigrante en América. É autor de Memorias dun neno labrego, a obra máis lida da literatura galega con preto de 40 edicións, e dedicou a súa vida á defensa da lingua, da cultura e da memoria da emigración. O Consello da Cultura Galega (CCG) ten no seu sitio web a disposición da cidadanía numerosos recursos para afondar no seu legado.

A presidenta do Consello da Cultura Galega, Dolores Vilavedra, destacou que a figura de Xosé Neira Vilas “nos enfronta a un dos grandes temas da nosa historia, como é a emigración, pero tamén a unha realidade plenamente vixente, de tal xeito que cobra unha nova actualidade no contexto actual”. Nese sentido, sinalou que a dedicación das Letras Galegas constitúe “unha oportunidade extraordinaria para descubrir a riqueza e a diversidade da súa obra, máis alá de Memorias dun neno labrego”.

Vilavedra lembrou que Neira Vilas foi un autor cunha produción moi ampla e salientou títulos da súa etapa final, como Esperando o leiteiro, que amosan “un escritor que seguiu creando ata os últimos anos con obras de grande interese, que en ningún caso poden considerarse menores nin secundarias”.

A presidenta do CCG puxo tamén o foco na dimensión biográfica do homenaxeado: “A súa foi unha vida intensa, que constitúe unha auténtica fiestra aberta á historia do século XX. Estivo profundamente implicado coa Revolución cubana e co proceso de construción do Estado revolucionario, ao tempo que mantivo sempre un forte compromiso con Galicia e coa súa cultura”.

Para Dolores Vilavedra, “Neira Vilas é unha figura extraordinariamente rica e diversa, capaz de espertar o interese de distintas xeracións e de públicos moi variados, tanto pola súa obra literaria como pola súa traxectoria vital”.

No sitio web hai a disposición da cidadanía numerosos recursos para afondar na figura do escritor, entre eles publicacións da súa autoría que condensan o seu pensamento, artigos de prensa, conferencias, materiais audiovisuais, a entrada biográfica do Álbum de Galicia, elaborada por Valentín García, e a caricatura realizada por Siro López.

Na súa entrada no Álbum de Galicia, Valentín García lembra que «en 1961, con cuberta de Luís Seoane, publica Memorias dun neno labrego, a obra que o convertería no autor máis lido na historia da literatura galega contemporánea». Sinala tamén que, malia a boa acollida da primeira edición tanto en América como en Galicia, acadaría unha “colosal popularidade” a partir de 1968 “coa edición de Ediciós do Castro ilustrada por Isaac Díaz Pardo e prologada por Xesús Alonso Montero, que se esgotou en pouco tempo”. Tamén subliña a importancia do seu compromiso coa emigración galega. Sendo aínda un “afervoado mozo autodidacta”, Neira Vilas participou activamente no I Congreso da Emigración Galega, celebrado en Bos Aires en 1956, do que foi membro da comisión organizadora. Alí presentou a Ponencia a prol do encauzamento dos mozos emigrantes nas sociedás galegas de América, un texto que marcou o inicio da súa intensa produción ensaística sobre o feito migratorio, un ámbito ao que dedicaría unha parte moi importante da súa obra.

A biografía complétase cunha ampla recompilación documental. Entre os materiais salientan algunhas cartas que intercambiou con Luís Seoane e Lois Tobío, conservadas no marco do proxecto “Epístola” do CCG, así como a correspondencia con Valentín Paz-Andrade e Celso Emilio Ferreiro, publicada nun estudo do Centro Ramón Piñeiro.

A entrada incorpora tamén recursos sonoros —como a súa participación no libro-disco editado polo CCG Poetas e Narradores— e materiais audiovisuais, ademais dunha selección das súas publicacións. Entre elas destaca Galicia en Cuba, volume editado polo CCG en 2013 que reúne tres estudos fundamentais sobre a pegada galega na illa. Froito de máis de vinte e cinco anos de investigación durante os trinta e un que Neira Vilas residiu en Cuba, a obra analiza a presenza galega desde 1870, a lingua galega na illa, a relación de Rosalía de Castro con Cuba e a participación de galegos na loita pola independencia cubana.