O acordo responde á aposta compartida das tres entidades por entender a cultura como unha ferramenta esencial para fortalecer a identidade colectiva, construír comunidade e preservar a memoria. “As tres institucións compartimos a idea de que a cultura é un dereito, pero tamén unha ferramenta de cohesión social”, afirmou a deputada de Cultura da Deputación de Lugo, Iria Castro.
Pola súa parte, a deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González, puxo o acento no carácter pioneiro do acordo, que evidencia o compromiso compartido das administracións coa cultura e co territorio. «Non existen practicamente precedentes de cooperación entre dúas deputacións galegas para impulsar unha iniciativa cultural destas características. Este convenio supón un paso importante na suma de esforzos e recursos para desenvolver proxectos de interese común», destacou.
O acordo nace tamén como un paraugas común para dar cobertura e continuidade a iniciativas xa existentes e favorecer a posta en marcha doutras novas que reforcen o papel dos ámbitos non urbanos como espazos de creación, participación e transmisión do patrimonio material e inmaterial.
A primeira das actividades previstas no marco deste proxecto terá lugar o vindeiro luns, 13 de xullo, no Pazo de Tor (Lugo), coa xornada «Boas prácticas en iniciativas culturais». Entidades e proxectos culturais de toda Galicia reuniranse para observar, reflexionar colectivamente e compartir aprendizaxes arredor das experiencias que están a transformar o territorio desde a cultura. O encontro procurará responder á pregunta: que fai que unha iniciativa cultural sexa capaz de construír comunidade, transformar un territorio e manterse viva ao longo do tempo?.
Durante a presentación, Iria Castro explicou que a xornada estrutúrase en catro mesas de traballo nas que profesionais da cultura compartirán modelos de xestión cultural e experiencias impulsadas por asociacións e polo tecido asociativo galego.
Posteriormente, o Consello da Cultura Galega impulsará un programa de formación en cultura dirixido a cargos públicos e unha iniciativa para dar visibilidade a proxectos culturais aliñados cos obxectivos do proxecto. Pola súa parte, a Deputación da Coruña promoverá, a finais de ano, unhas residencias de proxectos culturais no Pazo de Mariñán, así como un programa centrado no traballo cultural coa mocidade na Costa da Morte.






