NOTICIA

----

Cinco novos artistas incorpóranse a Atalaia, plataforma da arte plástica contemporánea

Mery Pais (Santiago, 1990), Julia Huete (Ourense, 1990), Rosendo Cid (Ourense, 1974), Manuel Quintana Martelo (Santiago, 1946) e Yolanda Dorda (Barcelona, 1975) son os cinco artistas que se incorporan a Atalaia, plataforma web de creación contemporánea galega que promove a Sección de Arte e Creación Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega (CCG). Entrevistas, biografías e unha escolma da súa obra incorpóranse á plataforma que pretende contribuír a dar a coñecer a plástica galega.

Os cinco novos nomes que se incorporan nesta entrega de Atalaia amosan diferentes estilos, xeracións e propostas artísticas. Mery Pais é unha artista contemporánea cuxa obra se desenvolve principalmente a través da instalación, a fotografía, o vídeo e a performance, explorando temas como a identidade, o feminismo, a interculturalidade e as fronteiras culturais. Julia Huete desenvolve unha obra centrada na abstracción, empregando disciplinas como a pintura, o debuxo, o téxtil, o bordado, o collage e a escultura, cun especial interese polos materiais e os procesos creativos. Rosendo Cid amosa o carácter multidisciplinar, da súa obra que combina escultura, fotografía, debuxo, collage e escritura para reflexionar sobre a memoria, a linguaxe e a observación do cotiá. Manuel Quintana Martelo é pintor e escultor que combina figuración e abstracción nunha linguaxe expresionista, destacando polo uso da cor, a forza do debuxo e a expresividade das súas composicións. Yolanda Dorda desenvolve unha pintura figurativa de carácter expresionista, na que explora as emocións humanas mediante pinceladas intensas e unha especial atención á figura feminina. Cada entrada conta cunha biografía elaborada polos membros da sección xunto cunha escolma de 6 imaxes do seu traballo. Nesta quenda participaron Patricia Verdial, Rosendo Cid, Paula Cabaleiro, Carlos Bernárdez e Luisa Pita. Cada actualización responde a unha votación dunha lista consensuada entre todos os membros da sección, na que se ten en consideración a corrección da desigualdade de mulleres existente dentro do catálogo inicial, ademáis da diversidade das linguaxes e xéneros das novas tendencias da creación contemporánea actual.

Esta actualización complementa un catálogo que conta a día de hoxe con 79 artistas dos que se exhiben preto de 500 obras. No marco desta actualización tamén se incorporou un novo itinerario pola obra de Ángela de la Cruz, unha das artistas máis destacadas do panorama galego actual, co seu característico estilo de obras que comprometen os seus propios marcos e que está guiado pola comisaria e crítica Agar Ledo.

15 anos de traballo previo
O 30 de xuño de 2010 nacía Atalaia, unha base de datos, directorio e centro de recursos para coñecer aos artistas, as obras, os eventos, as publicacións e as entidades vinculadas á arte contemporánea en Galicia. Nestes 15 anos a plataforma sumou información e material de preto de 70 creadores, espazos e entidades que promoven a arte contemporánea galega.

En abril deste ano a Sección de Creación e Artes Visuais puxo en marcha unha nova etapa para a plataforma cun cambio de concepto e de formatos en permanente actualización. Nesta ocasión incorporáronse Ana Gesto, Andrea Cotas, Carla Andrade, Soledad penalta e Jesús Madriñán