En 1990 botaron a andar os primeiros lectorados impulsados pola Xunta de Galicia. Desde entón, a Rede de CEG medrou ata contar con presenza en 40 universidades, principalmente de Europa e América, 29 delas con persoal lector propio. A través destes centros impártese lingua e literatura galegas, promóvese a investigación e organízanse actividades de difusión cultural, converténdose nun instrumento singular entre as linguas minorizadas europeas.
A xornada reflexiona sobre a súa situación e ábrese cunha intervención de Oliva Amorín López, subdirectora xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, que ofrecerá unha panorámica sobre a creación, evolución e situación actual dos Centros de Estudos Galegos.
A continuación celebrarase unha mesa de debate sobre os distintos modelos de internacionalización das linguas que se ofrecerá unha panorámica do que acontece en Euscadi e Cataluña. Nela participarán Miguel Guisantes, lector de galego na Universidade de Heidelberg; Josep-Anton Fernàndez, director da Área de Lingua e Universidades do Institut Ramon Llull, a institución encargada da proxección internacional da lingua e da cultura catalás; e Monika Madinabeitia Medrano, directora para a Promoción e Difusión do Éuscaro do Etxepare Euskal Institutua, organismo responsable da presenza internacional do éuscaro.
O encontro acollerá tamén a presentación do documento ”Propostas da AIEG para a difusión internacional do galego”, elaborado pola Asociación Internacional de Estudos Galegos (AIEG) a partir das conclusións do encontro celebrado en 2025 con motivo do corenta aniversario da entidade. O texto será presentado por Valéria Gil Condé, presidenta da AIEG e profesora da Universidade de São Paulo, e por Xoán Lagares, profesor da Universidade Federal Fluminense (Brasil) e membro da directiva da asociación.
A experiencia da coordinación dos Centros de Estudos Galegos será o eixo doutra das mesas da xornada, moderada por Ana Luna. Nela intervirán Helena González, profesora da Universitat de Barcelona e responsable do Centro de Estudos Galegos nesa universidade; David Miranda, profesor da Universidade de Bangor (Gales) e responsable do seu Centro de Estudos Galegos; Ana Garrido, profesora da Universidade de Varsovia e antiga responsable do centro desa institución; e Mariela Sánchez, profesora da Universidad Nacional de La Plata e integrante da Cátedra Libre de Estudos Galegos "Alfonso R. Castelao", unha das iniciativas máis consolidadas para a difusión da cultura galega na Arxentina.
A sesión da tarde estará dedicada ás experiencias do persoal lector, coa moderación de Benigno Fernández Salgado. Participarán Ariel Quintela Sesar, lector na Universidade de Salamanca; Noemí Basanta Llanes, antiga lectora na Universidade do Minho e actualmente profesora da Universidade de Santiago de Compostela; e Ánxela Lema, antiga lectora da Université Sorbonne Nouvelle-Paris 3 e profesora da Universidade de Vigo. As súas intervencións permitirán coñecer de primeira man os retos e oportunidades que supón a docencia de lingua e cultura galegas en contextos universitarios internacionais.



