"Constatamos que moitas das medidas que propuxemos están incorporadas e unha primeira análise comparada dos dous documentos así o revela” afirmou Vilavedra, que tamén expresou que existen aspectos que requiren unha maior concreción para poder valorar a eficacia da proposta, entre eles a planificación temporal, o cronograma de execución, a dotación económica, o carácter vinculante dalgunhas actuacións, os indicadores de seguimento e os mecanismos de avaliación e publicidade dos resultados.
A presidenta do CCG insistiu en que a planificación lingüística require unha visión a medio e longo prazo. "Cando falamos de lingua, a urxencia é un parámetro delicado. Cómpre actuar con decisión, pero tamén con planificación. O documento pode avanzar na concreción dos prazos e das fases de execución. Trátase de construír un proceso sólido, paso a paso", indicou.
Na súa valoración inicial, destacou o elevado grao de coincidencia entre a proposta presentada pola Xunta e as reflexións desenvolvidas polo Consello en ámbitos como a tecnoloxía, a sanidade, o apoio ás familias ou o deporte. Tamén considerou que o ensino continúa a ser un dos espazos con maior marxe de mellora.
"Nese ámbito hai percorrido para avanzar. É necesario volver reflexionar sobre o significado do modelo plurilingüe, situando a lingua propia no centro da política educativa. A partir desa reflexión poden abrirse novas vías de actuación", explicou.
A presidenta reiterou a disposición do CCG para colaborar coas administracións públicas no marco das competencias que ten atribuídas. "O Consello é un órgano asesor e queremos exercer esa función con responsabilidade. Poñemos á disposición das institucións o coñecemento acumulado, a experiencia e a capacidade técnica do Consello para contribuír á mellora do documento e ao desenvolvemento dun plan que aspire a acadar o maior consenso posible e a ofrecer respostas eficaces aos retos actuais da lingua galega", concluíu.


