NOTICIA

----

A institución, recoñecida como Entidade Arraiana 2026

O Consello da Cultura Galega (CCG) será distinguido como Entidade Arraiana 2026 no marco das IX Xornadas Arraianas, que se celebrarán este sábado, 8 de agosto, en Entrimo (Ourense). O recoñecemento, promovido polo Colectivo Arraianos, pon en valor o compromiso da institución coa investigación, difusión e preservación da cultura e da memoria compartida dos territorios de fronteira entre Galicia e Portugal.

O xerente da institución, Marcelino Fernández, recollerá o recoñecemento o vindeiro 8 de agosto (12:00 horas) nun acto que tamén ditingue a dous expresidentes da institucioón, Rosario Álvarez e Ramón Villares como Arraiana e Arraiano Maiores 2026.. A entidade premioa a acción do CCG e dos seu expersidentes por contribuir, a través dunha liña de actuación continuada no estudo, conservación e posta en valor do patrimonio culutral común galego portugués. Pola súa banda, o municipio portugués de Melgaço recibe o nomeamento de Concello Arraiano 2026, un galardón que nace para recoñecer o papel histórico dun concello no seu labor de territorio de encontro entre Galicia e Portugal. Melgaço recibe o galardón pola conservación do seu patrimonio, a súa contribución á cooperación transfronteiriza e á memoria compartida da Eurorrexión.

Seminario sobre a Raia Seca
No marco das IX Xornadas Arraianas terá lugar o I Seminario sobre identidade, memoria e fronteira na Raia Seca, organizado polo Consello da Cultura Galega, o Concello de Entrimo e o Colectivo Arraianos que nace con vocación de ser itinerante e que cada ano abordará unha temática diferente de ámbito transfronteirizo. A cita reunirá ao longo da xornada investigadores, especialistas e representantes institucionais de Galicia e Portugal para reflexionar sobre a historia compartida da fronteira e o seu valor cultural e patrimonial. Abrirán o seminario Américo Rodrigues, investigador e profundo coñecedor do patrimonio cultural transfronteirizo, e José Domingues, do Núcleo de Estudos da Paisagem, Memória e Território (NEPML), coa intervención A Raia Seca no Laboreiro, na que analizarán as particularidades deste territorio fronteirizo e presentarán o Arquivo Municipal de Melgaço como ferramenta para a preservación da súa memoria documental.

A continuación, o historiador e investigador portugués Eduardo Pires de Oliveira, especialista nas relacións históricas entre Galicia e o norte de Portugal, ofrecerá a conferencia Galiza e o Minho. 2.000 anos de maus dadas na raia minhota, un percorrido polas dinámicas de cooperación, conflito e intercambio que marcaron a historia común de ambos territorios.
O director do Arquivo Nacional da Torre do Tombo, Silvestre Lacerda, centrará a súa intervención na memoria da resistencia e da represión durante o Estado Novo portugués coa palestra O lobo guerrilheiro e os jornais manuscritos na prisão: uma versão arraiana para dizer nom ao mainstream, na que abordará o valor dos arquivos e dos testemuños documentais para reconstruír as historias silenciadas da fronteira.
No programa destacan as Conversas Arraianas, protagonizadas por Ramón Villares e Rosario Álvarez. Villares reflexionará sobre A fronteira como suxeito histórico, afondando na evolución da Raia como espazo de relación e construción social, mentres que Álvarez abordará, na conferencia Avantando fronteiras, límites e raias, a dimensión lingüística e cultural das fronteiras e o seu papel na conformación dunha identidade compartida.
O programa completarase coa intervención da historiadora María José Tiscar, que analizará A Raia: retagarda estratéxica da contrarrevolución portuguesa (1974-1975), poñendo o foco no papel desempeñado polos territorios fronteirizos durante os primeiros anos da democracia portuguesa. A xornada concluirá coa conmemoración do 65 aniversario do secuestro do Santa María/Santa Liberdade, coa presentación do libro Os fabuladores, de José Ignacio Carnero, nun acto conducido por Aser Álvarez, comisario da exposición LOVE VELO, e coa estrea da curtametraxe documental Expediente Xosé Velo, dedicada á figura dun dos grandes referentes da oposición antifranquista e do galeguismo no exilio.

Os galardóns
Os Premios Arraianos, creados en 2009, consolidáronse como un dos principais recoñecementos ás persoas, entidades e colectivos que contribúen á defensa da identidade e da memoria da Raia. Ao longo da súa historia distinguiron figuras como Xosé Luís Méndez Ferrín, Xesús Alonso Montero, Xosé Neira Vilas, Isaac Alonso Estraviz, Paula Godinho, Xurxo Souto, Mercedes Vázquez Saavedra, Xosé Manoel Núñez Seixas, Antoine Chao, Uxía ou Tono Correa Corredoira. Tamén recoñeceron, nas categorías de Arraiano Universal e Colectivo Singular, nomes e institucións como Celso Emilio Ferreiro, Xosé Velo, Ramón Chao, José Lamela Bautista, Xosé Vizoso, a Fundación Rosalía de Castro, a Fundación Castelao, a Asociación Amigos de Prisciliano ou os Comités pola Memoria Histórica de Celanova e do Val do Limia, entre outros.