“O acordo permitirá poñer este material á disposición de investigadores e investigadoras e contribuír á preservación e difusión da obra dun dos compositores galegos máis relevantes da música contemporánea da segunda metade do século XX” apuntou Alejo Amoedo, director do Arquivo Sonoro. Está integrado por 186 gravacións, procedentes tanto do ámbito familiar como de edicións discográficas e materiais relacionados coa actividade artística de Macías. Entre elas destacan 165 cintas magnetofónicas, ademais de exemplares de edicións en vinilo e discos compactos. O conxunto da documentación dixitalizada alcanza os 1.794 ítems.
Un dos principais valores da colección reside na recuperación de gravacións inéditas, entre elas rexistros de concertos celebrados en Xapón, acompañados dos correspondentes programas de man e documentación asociada. O fondo inclúe tamén os materiais complementarios vinculados ás gravacións —portadas, contraportadas, fichas, partituras e outra documentación en PDF e formato dixital—, así como publicacións elaboradas por Roberto Oliveira no marco do seu proceso de investigación.
Un proceso de recuperación iniciado en 2019
Roberto Oliveira explicou no acto o traballo de recuperación do fondo que comezou en 2019 e que servíu de base para unha tese dedicada ao compositor e aos procesos electroacústicos, realizada con Montserrat Capelán e defendida hai dous meses. Antes de abordar a análise da súa obra, Oliveira desenvolveu un importante labor de recuperación patrimonial que se prolongou durante varios anos e incluíu unha estadía específica para a dixitalización das cintas magnetofónicas para o que contou co apoio do concello de Salceda de Caselas. A súa alcaldesa, Loli Castiñeira, destacou «a importancia de apoiar o traballo deste investigador local e de contribuír desde o concello á recuperación do patrimonio musical, ao tempo que destacou que a especial sensibilidade do concello e dos seus habitantes polo patrimonio musical”.
Parte do fondo orixinal de Macías atopábase en Lisboa, onde o compositor mantivo durante toda a súa traxectoria unha estreita relación coa comunidade musical portuguesa. Tivo especial relación con músicos e creadores portugueses como Jorge Peixinho e Miguel Azguime. Tras o falecemento do compositor, parte da súa documentación permaneceu en Portugal, incluídas as cintas magnetofónicas, que se conservaron durante anos á espera de que aparecese a tecnoloxía e o coñecemento necesarios para poder recuperalas.
En 2018 produciuse o retorno a Vigo dunha parte importante do fondo documental. O proceso específico de dixitalización das cintas comezou en setembro de 2019 e rematou en xuño de 2023. Este labor permitiu recuperar unha parte substancial dun patrimonio sonoro especialmente fráxil e de difícil acceso.
Ademais do Concello de Salceda de Caselas, Oliveira contou co apoio do Grupo Organistrum da Universidade de Santiago de Compostela e da produtora ONME Gestión Cultural S.L. que contribuíu economicamente ao proceso de dixitalización.
Un patrimonio sonoro para a investigación
O fondo reúne tanto documentación sonora como información contextual e materiais xerados no propio proceso de investigación. Roberto Oliveira continuará a traballar na recuperación e difusión deste patrimonio e posibilitar no futuro a edición de gravacións inéditas da obra de Macías en formato discográfico. Está previsto tamén que en outubro se presente un catálogo do fondo, que permitirá coñecer con maior detalle os materiais recuperados e facilitará a súa consulta e investigación.
A incorporación deste fondo ao Arquivo Sonoro de Galicia, centro do Consello da Cultura Galega, súmase a outras iniciativas desenvolvidas nos últimos anos para garantir a conservación e accesibilidade do legado de Enrique X. Macías. En 2024, a familia do compositor asinou un contrato de comodato coa Universidade de Santiago de Compostela, mediante o que o patrimonio artístico e documental de Macías —partituras, cartas, cintas magnetofónicas e obxectos persoais— quedou á disposición da comunidade universitaria.
Considerado unha das figuras pioneiras da música contemporánea galega da segunda metade do século XX, de formación esencialmente autodidacta, desenvolveu unha linguaxe musical persoal, de gran rigor construtivo e estreitamente vinculada ás correntes de vangarda europeas.
Entre 1980 e 1982 participou nos cursos de Darmstadt e foi compositor residente nos estudos de música electrónica da Radio Finlandesa e da Academia de Música de Cracovia. Posteriormente traballou no Instituto de Sonoloxía de Utrecht, no Groupe de Recherches Musicales de París e no STEIM de Ámsterdam.
Macías foi un dos primeiros compositores galegos en incorporar de maneira sistemática os medios electrónicos á creación musical. A súa produción inclúe tanto obras electroacústicas como composicións mixtas, nas que instrumentos acústicos dialogan con medios electrónicos, así como obras acusmáticas, creadas especificamente para a súa reprodución mediante dispositivos electrónicos.
A súa obra caracterízase pola experimentación sonora, a complexidade da escritura instrumental e unha profunda reflexión sobre o tempo, o silencio, o espazo e a percepción. Entre as súas composicións destacan Polifonías I, Nachtmusik III, Adhuc, Itinerario de luz, Alias e Exequias.
Nos primeiros anos da súa traxectoria estivo vinculado aos colectivos vigueses Letrinae e Rompente, de carácter multidisciplinar, que integraban música, poesía, artes plásticas e performance e participaron na renovación da vangarda cultural galega.
Ao longo da súa carreira recibiu recoñecementos internacionais como os da Tribuna Internacional Gaudeamus, o Premio Cristóbal Halffter de Composición e diversos galardóns da Fundación Juan March, entre outros. Representou a España na Tribuna Internacional de Compositores da UNESCO e recibiu encargos de institucións como Radio France, Radio Nacional de España, a Fundación Gulbenkian, a Orquestra Sinfónica de Galicia ou o Festival Antidogma de Turín.
A súa obra foi interpretada e difundida por importantes formacións e emisoras europeas. A súa morte prematura, en 1995, interrompeu unha traxectoria especialmente singular, pero non impediu que a súa obra continuase sendo obxecto de investigación, recuperación e interpretación.




