A eclipse total de Sol terá lugar o vindeiro 12 de agosto, poucos minutos antes das 20:30 horas. Será a primeira eclipse total de Sol visible desde Europa no século XXI e prevese que atraia un elevado número de persoas, tanto dentro como fóra de Galicia. Neste contexto, o documento pon o foco nos retos que pode xerar a afluencia de visitantes e nos ámbitos nos que é necesario anticiparse, especialmente a mobilidade, a seguridade, a saúde e a organización de actividades e puntos de observación.
A proximidade da eclipse fai necesario volver lembrar unhas recomendacións que poden contribuír a que este fenómeno se viva dunha maneira segura e ordenada. O documento está dispoñible no web do CCG.
Recomendacións en diferentes ámbitos
A partir da experiencia doutros territorios ante fenómenos astronómicos semellantes, os especialistas identifican como principais retos a seguridade e a mobilidade. Neste último ámbito, o documento lembra que «a zona sur-suroeste de Galicia, que quedará fóra da zona de totalidade da eclipse, ten a máxima densidade de poboación de Galicia e, ademais, en pleno mes de agosto, estará en máxima ocupación turística, cunha enorme poboación flotante», polo que se prevén numerosos desprazamentos cara ás zonas desde as que será posible observar a totalidade. As recomendacións abranguen diferentes ámbitos: a protección da saúde visual, a planificación da mobilidade, a organización dos puntos de observación, o reforzo dos servizos públicos e de emerxencias e a comunicación coa cidadanía.
No relativo á saúde ocular, o documento insiste en que non se debe mirar directamente ao Sol sen protección homologada e que os únicos dispositivos seguros son os anteollos específicos para a observación de eclipses que cumpran a normativa correspondente. Tamén chama a atención sobre a importancia de explicar claramente o seu uso correcto e os momentos nos que deben poñerse e retirarse durante as distintas fases do fenómeno. Recoméndase, ademais, promover métodos de observación indirecta, especialmente entre a poboación infantil.
No ámbito da mobilidade, a recomendación principal é planificar as viaxes con antelación e evitar desprazamentos innecesarios. O documento advirte da previsión dun importante incremento do tráfico e chama a extremar a precaución nas estradas, especialmente durante o regreso, cando se pode concentrar un maior volume de vehículos.
No ámbito organizativo, proponse identificar puntos de observación seguros e accesibles, dotados de servizos básicos e dispositivos de emerxencia, así como establecer mecanismos de coordinación entre as distintas administracións para facer fronte ao incremento de visitantes. Tamén se advirte da posible saturación das redes de telefonía móbil e da necesidade de garantir o funcionamento dos servizos públicos.
O documento subliña igualmente a importancia de ofrecer información clara, rigorosa e coordinada, baseada en criterios científicos, a través dos medios de comunicación e das canles institucionais. O obxectivo é que a cidadanía coñeza tanto as características do fenómeno como as medidas necesarias para observalo con seguridade.
Como punto de referencia para a información sobre as eclipses, o grupo de especialistas propón o sitio web www.trioeclipses.es.
Un documento elaborado por especialistas de diferentes ámbitos
O documento foi elaborado a partir dunha xuntanza de especialistas celebrada o pasado 11 de marzo na sede do Consello da Cultura Galega. O obxectivo foi reunir coñecementos de diferentes ámbitos para elaborar unha guía que permitise anticipar os principais riscos e retos asociados á observación da eclipse.
No encontro participaron Alexandre Dubra Fernández, do Colexio Oficial de Ópticos Optometristas de Galicia; Ramón Iglesias Marzoa, do Clube Compostelán Vega de Astronomía; Óscar Blanco, da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío; Begoña Nicolás, da área de Astronomía e Astrofísica do Departamento de Matemática Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela; Marcos Pérez Maldonado, director dos Museos Científicos Coruñeses; Borja Tosar, do Planetario da Coruña; e Dositeo Veiga Alonso, de Ceos Galegos e AstroVigo. A través de videoconferencia participaron tamén Igor Piñeiro, da Asociación Astronómica Sirio; Juan Taboada, coordinador de MeteoGalicia; e Ana Ulla, do Departamento de Física Aplicada da Universidade de Vigo e da Fundación Ciencia, Ceo e Cultura. Ao inicio da sesión estivo presente tamén Ramón Bachiller, director do Observatorio Astronómico Nacional.


