A iniciativa xorde tras o debate suscitado pola recente designación da dirección do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), que puxo sobre a mesa cuestións que transcenden unha decisión concreta e afectan ao funcionamento do sistema cultural galego: os procedementos de selección, a autonomía e independencia das institucións, a transparencia, os mecanismos de participación do sector e da cidadanía e o deseño, execución e avaliación das políticas culturais públicas.
O proceso promovido polo CCG pretende combinar o debate presencial coa participación aberta do sector. Así, xunto cos dous encontros sectoriais, a Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas habilitou no seu espazo web un cuestionario de dez preguntas para ampliar o número e a diversidade de voces incorporadas á reflexión.
Dez preguntas para coñecer a percepción do sector
O cuestionario, de carácter anónimo, parte da situación xerada arredor do CGAC, pero propón unha mirada máis ampla sobre o sistema institucional artístico galego e as políticas culturais públicas. As persoas participantes poderán identificarse con diferentes perfís profesionais ou posicións dentro do ecosistema cultural —desde a creación artística, o comisariado e a xestión cultural ata o persoal técnico e directivo de museos, o tecido asociativo ou a cidadanía—.
Entre as cuestións formuladas figura a valoración da situación actual do sistema institucional artístico galego e das políticas culturais públicas, así como a súa evolución durante a última década. O cuestionario pide tamén identificar as principais carencias destas políticas, entre elas a falta de planificación estratéxica, recursos, transparencia e rendición de contas, mecanismos de participación, interlocución estable co sector, equilibrio territorial ou avaliación.
O financiamento e a gobernanza participativa, a mellora das condicións laborais, a descentralización territorial, a internacionalización, a coordinación e planificación estratéxica ou a garantía dos dereitos culturais da cidadanía son cuestións ás que atende o cuestionario. A transparencia nos procesos de selección, especialmente nas direccións artísticas, ocupa tamén un espazo específico. As persoas participantes poden valorar a importancia de aspectos como a independencia e autonomía institucional, a participación profesional e cidadá, a avaliación pública e a rendición de contas, a continuidade dos proxectos fronte aos ciclos políticos, a diversidade e pluralidade e a garantía dos dereitos culturais.
As respostas serán analizadas de forma agregada e incorporaranse ao proceso de traballo. O cuestionario leva aproximadamente dez minutos e as preguntas indicadas como opcionais poden deixarse en branco. Pódese cubrir ata o 27 de setembro.
Unha segunda xornada tras as primeiras conclusións
O segundo encontro permitirá afondar nas cuestións abordadas durante a primeira sesión e incorporar novas perspectivas, coa participación de representantes de institucións, museos de arte contemporánea estatais, entidades representativas do sector e profesionais da xestión cultural.
Entre as conclusións do primeiro encontro, realizado o pasado 14 de xullo, destaca a proposta de crear unha mesa sectorial permanente impulsada polo sector, onde o CCG podería ser unha canle estable de interlocución entre o sector das artes visuais e as administracións. Tamén se reclamou reforzar a gobernanza independente e a autonomía das institucións culturais, recuperar un plan director para o CGAC participado polo sector, revisar a figura xurídica do centro e recuperar un padroado plural con representación do sector. Reclamouse tamén a convocatoria de prazas especializadas para os museos públicos galegos, a aplicación efectiva do Código de Boas Prácticas e unha maior transparencia nos criterios de avaliación dos procesos de selección. A necesidade de ampliar os espazos de participación e de incorporar tamén a cidadanía ao debate sobre as políticas culturais foi outra das cuestións compartidas.
Un proceso para elaborar propostas
As conclusións dos dous encontros e as achegas recibidas a través do cuestionario servirán de base para o informe final que elaborará o Consello da Cultura Galega, previsto para o outono. O documento terá unha primeira parte de diagnose sobre a situación do sistema cultural galego e unha segunda de carácter propositivo. O obxectivo é que as conclusións non se limiten aos procesos de selección das direccións ou ás boas prácticas na xestión dos centros culturais, senón que aborden tamén os mecanismos de interlocución e participación necesarios no deseño, execución e avaliación das políticas culturais públicas.
Deste xeito, o CCG pretende contribuír a consolidar espazos de estabilidade, diálogo e corresponsabilidade entre as institucións, as administracións, os profesionais da cultura e a cidadanía.



