A resolución recoñece a singular relevancia histórica de Meirás e a súa capacidade para explicar, nun mesmo espazo, diferentes procesos da historia contemporánea de Galicia e de España: desde o legado cultural e intelectual de Emilia Pardo Bazán, promotora das Torres de Meirás, ata a súa posterior conversión en residencia oficial e símbolo do poder da ditadura franquista, pasando polo proceso de apropiación do inmoble e a súa recuperación para o patrimonio público.
O CCG considera especialmente relevante que esta declaración recoñeza tamén a dimensión cultural, histórica e memorial do conxunto e contribúa a garantir a súa interpretación pública desde os principios de verdade, xustiza, reparación e preservación da memoria colectiva. A institución leva anos participando activamente nos procesos de estudo, documentación e análise relacionados con Meirás. Esta participación materializouse en diferentes informes e comisións técnicas constituídas ao longo dos últimos anos.
En 2008, o CCG elaborou un informe que contribuíu ao proceso que culminou co Decreto 299/2008, do 30 de decembro, polo que se declararon Ben de Interese Cultural, coa categoría de sitio histórico, as Torres de Meirás, no concello de Sada.
A institución continuou posteriormente o seu traballo arredor do patrimonio vinculado ao Pazo. En 2021, participou na elaboración dun informe sobre o traslado dos bens mobles declarados BIC que se atopaban nas Torres de Meirás e noutro informe sobre a incoación como BIC da biblioteca de Emilia Pardo Bazán, elaborado por unha comisión técnica temporal integrada por Teresa Nieto, Rebeca Blanco-Rotea, Fran Redondo e Concha Varela Orol. Ese mesmo ano, o CCG tamén participou nos traballos relacionados coa solicitude da familia Franco para o traslado das estatuas do Mestre Mateo.
En 2022, a Secretaría de Estado de Memoria Democrática constituíu unha comisión de expertos para abordar os posibles contidos e usos de Meirás unha vez incorporado ao patrimonio público. O CCG creou unha comisión coordinada por Xosé M. Núñez Seixas que designou a Rebeca Blanco-Rotea para participar nos traballos deron lugar a un documento no que se formulaban propostas sobre os posibles usos e contidos do conxunto.
En 2024, o CCG participou tamén na elaboración dun informe pericial solicitado polo Xulgado de Primeira Instancia número 70 de Madrid, para o que se constituíu unha comisión técnica temporal integrada por Rebeca Blanco-Rotea, Teresa Nieto e Carlos Amoedo.
Finalmente, en 2026, o CCG participou nos traballos que desembocaron no informe sobre a declaración de Meirás como Lugar de Memoria Democrática, solicitado pola Secretaría de Estado de Memoria Democrática. O documento, coordinado por Xosé M. Núñez Seixas foi entregado o pasado mes de abril, aborda a orixe e evolución histórica do conxunto, a súa vinculación con Emilia Pardo Bazán, o proceso de apropiación por parte de Franco e a súa posterior transformación nun espazo de poder da ditadura, e fundamenta a consideración de Meirás como un lugar especialmente significativo para a memoria democrática.
A declaración publicada hoxe no BOE sinala precisamente que Meirás representa de forma singular os procesos de destrución e reconstrución da democracia en España desde 1936 ata a actualidade e salienta tanto o legado de Emilia Pardo Bazán como a apropiación do inmoble durante a ditadura e a súa posterior recuperación para o patrimonio público.
Para o Consello da Cultura Galega, esta declaración supón un recoñecemento do valor histórico e patrimonial de Meirás e da necesidade de preservar e explicar a súa historia na súa complexidade, incorporando tanto a súa dimensión cultural e literaria como a relacionada coa ditadura franquista, a represión, a apropiación patrimonial e a recuperación democrática.


