Dolores Vilavedra destacou tamén a vontade do CCG de dar continuidade a este tipo de encontros, como vía para compartir diagnósticos, coñecer as prioridades dos diferentes grupos parlamentarios e trasladar as achegas e o traballo que desenvolve a institución. “Queremos que esta sexa unha interlocución continuada, non circunscrita a encontros puntuais, que permita abordar con perspectiva e rigor os desafíos que temos por diante”, engadiu. Pola súa banda, Ana Pontón trasladou as súas felicitacións á nova equipa do CCG e subliñou “a importancia de ter unha interlocución aberta sobre os retos que temos neste momento na cultura e na lingua con esta institución estatutaria de carácter asesor, que cumpre un papel importante no ámbito institucional”.
Durante o encontro abordáronse diferentes cuestións relacionadas coa situación actual da cultura e da lingua galegas, entre elas a evolución da lectura en galego á luz dos últimos datos do informe PISA, o desenvolvemento do Plan xeral da lingua e a presenza do galego no ámbito das novas tecnoloxías, nomeadamente ante os desafíos e oportunidades que presenta a intelixencia artificial.
Na xuntanza participaron tamén os vicepresidentes do CCG, Alejo Amoedo e Jorge Mira. Pola parte do BNG, Ana Pontón estivo acompañada pola alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, e pola deputada Mercedes Queixas Zas.
A rolda de contactos continuará o vindeiro día 16 cun encontro co Grupo Parlamentario do Partido Popular.




