Na xuntanza participaron o voceiro do PPdG, Alberto Pazos, e os deputados José Luis Ferro e Carmen Pomar; e, pola parte do CCG, asistieron o vicepresidente, Jorge Mira, máis o xerente, Marcelino Fernández.
“Queremos tentar que estes encontros se produzan con certa regularidade para ir analizando en común os problemas que temos diante e os retos que nos toca abordar”, sinalou a presidenta do CCG, Dolores Vilavedra, ao remate da xuntanza. Unha vía estable que permita compartir diagnósticos, coñecer as prioridades dos diferentes grupos parlamentarios e trasladar as achegas e o traballo que desenvolve a institución.
Pola súa banda, Alberto Pazos agradeceu o convite e destacou a vontade de manter unha relación fluída coa institución. “Compartimos moitas preocupacións en torno á cultura e á lingua galega e poderemos atopar solucións en común”, afirmou. O voceiro do PPdeG puxo en valor as contribucións do Consello da Cultura Galega sobre a situación da lingua galega e expresou a disposición do seu grupo a coñecer e ter en conta o traballo da institución para favorecer acordos. “Estaremos moi atentos ao que nos ten que dicir a institución e traballaremos por ter unha cultura propia para todos os galegos”, engadiu.
A rolda de contactos continuará este xoves 17 co encontro co Grupo Parlamentario do Partido Socialista de Galicia.




