NOTICIA

----

A Comisión Executiva recibe o Grupo Parlamentario do Partido Popular

A Comisión Executiva do Consello da Cultura Galega recibiu na mañá deste mércores os representantes do Grupo Parlamentario do Partido Popular de Galicia (PPdeG). Na xuntanza abordáronse cuestións relacionadas coa situación da lingua galega, a lectura en galego, a accesibilidade á cultura, así como os desafíos e oportunidades que presentan para a cultura galega a intelixencia artificial. O encontro enmárcase na rolda de contactos que a presidenta do CCG, Dolores Vilavedra, está a manter cos diferentes grupos políticos con representación no Parlamento de Galicia. As visitas continuarán este xoves co Grupo Parlamentario do Partido Socialista de Galicia.

Na xuntanza participaron o voceiro do PPdG, Alberto Pazos, e os deputados José Luis Ferro e Carmen Pomar; e, pola parte do CCG, asistieron o vicepresidente, Jorge Mira, máis o xerente, Marcelino Fernández.

“Queremos tentar que estes encontros se produzan con certa regularidade para ir analizando en común os problemas que temos diante e os retos que nos toca abordar”, sinalou a presidenta do CCG, Dolores Vilavedra, ao remate da xuntanza. Unha vía estable que permita compartir diagnósticos, coñecer as prioridades dos diferentes grupos parlamentarios e trasladar as achegas e o traballo que desenvolve a institución.

Pola súa banda, Alberto Pazos agradeceu o convite e destacou a vontade de manter unha relación fluída coa institución. “Compartimos moitas preocupacións en torno á cultura e á lingua galega e poderemos atopar solucións en común”, afirmou. O voceiro do PPdeG puxo en valor as contribucións do Consello da Cultura Galega sobre a situación da lingua galega e expresou a disposición do seu grupo a coñecer e ter en conta o traballo da institución para favorecer acordos. “Estaremos moi atentos ao que nos ten que dicir a institución e traballaremos por ter unha cultura propia para todos os galegos”, engadiu.

A rolda de contactos continuará este xoves 17 co encontro co Grupo Parlamentario do Partido Socialista de Galicia.