----

A Comisión Executiva recibe o Grupo Parlamentario do Partido Socialista de Galicia-PSOE

A Comisión Executiva do Consello da Cultura Galega recibiu na mañá deste xoves os representantes do Grupo Parlamentario do Partido Socialista de Galicia-PSOE (PSdG-PSOE). A situación da cultura, o cambio climático, a lectura en galego e a IA son algúns dos temas que se abordaron no marco da xuntanza. O encontro fai parte da rolda de contactos que a presidenta do CCG, Dolores Vilavedra, está a manter cos diferentes grupos políticos con representación no Parlamento de Galicia. Este venres terá lugar o encontro co Delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco.

Na xuntanza participaron o voceiro do PSdG-PSOE e secretario xeral do partido, Jose Luis Gómez Besteiro, e a deputada Silvia Longueira; pola parte do CCG, asistieron o vicepresidente, Jorge Mira, máis o xerente, Marcelino Fernández.

“Estamos moi satisfeitas por estes encontros institucionais, que constatamos que son sesións ricas e dinámicas nas que sempre xorden novas ideas”, apuntou a presidenta, Dolores Vilavedra, ao remate da reunión. A presidenta sinalou que durante o encontro se abordaron cuestións que forman parte das prioridades estratéxicas do CCG para 2027, entre elas a intelixencia artificial, o cambio climático e o inicio dun diálogo institucional coa UNESCO.

Pola súa banda, José Luis Gómez Besteiro agradeceu o convite e destacou a importancia de manter unha relación fluída co Consello da Cultura Galega. “Foi unha xuntanza moi interesante, na que puidemos intercambiar puntos de vista sobre cuestións relevantes para a cultura galega e sobre os retos que temos por diante”, sinalou. Besteiro subliñou tamén a importancia de favorecer o diálogo entre as institucións e de reforzar a presenza da cultura no conxunto da sociedade, así como de continuar apoiando ámbitos como a educación, a edición e a industria audiovisual. “Investir en cultura galega é investir no futuro de Galicia”, afirmou.

A rolda de contactos continuará este venres 18 coa visita do delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco.