NOTICIA

----

Visita de João Rosas, vice-reitor da Universidade do Minho

A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Dolores Vilavedra, recibiu na mañá deste luns a visita de João Cardoso Rosas, vice-reitor para a Cultura, Inclusão e Responsabilidade Social da Universidade do Minho. No encontro repasáronse as principais liñas de colaboración entre ambas as institucións e abordáronse novas vías de cooperación e futuras iniciativas no ámbito da cultura, o patrimonio e a relación entre Galicia e Portugal.

Entre os proxectos desenvolvidos conxuntamente destaca o ciclo de cinema galego-portugués «Mulleres, Patrimonios, Sociedade», unha iniciativa que promove o diálogo cultural entre Galicia e Portugal a través do cinema e que presta especial atención ao papel das mulleres na construción e transmisión do patrimonio, da memoria e das identidades. O proxecto, promovido polo CCG en colaboración coa Universidade do Minho, consolidouse ao longo das súas distintas edicións como un espazo de encontro e intercambio cultural entre ambos os territorios.

Desde a súa primeira edición, celebrada en Braga en 2018, o ciclo percorreu diferentes localidades galegas e portuguesas, entre elas Vigo, Arcos de Valdevez, Verín, Guimarães, Tui e Ponte de Lima. Ao longo deste percorrido, o programa foi incorporando diferentes olladas sobre a memoria, o patrimonio e o territorio, con especial atención ás experiencias e ás achegas das mulleres.

A visita de João Rosas permite así dar continuidade á cooperación entre o CCG e a Universidade do Minho, asentada en iniciativas que contribúen a estreitar os vínculos culturais entre Galicia e o norte de Portugal e a favorecer o intercambio de coñecemento e experiencias entre ambas as comunidades.