Entre as conclusións da sesión destacouse a necesidade dunha planificación estratéxica a longo prazo, estable e cunha maior participación profesional e cidadá que se podería canalizar a través dunha plataforma ou unión de asociacións que reuna as voces do sector profesional. Ademais, demandouse un reforzo do carácter público das institucións culturais. No caso concreto do CGAC, reivindicouse a importancia do plan director cun proceso participado que permita restaurar a confianza do sector.
A sesión da tarde
A intervención de Elena Vozmediano centrouse na necesidade de avanzar cara a un modelo de xestión dos espazos expositivos baseado na participación, a transparencia, a profesionalización e a rendición de contas. Entre as medidas propostas, defendeu que os órganos asesores teñan ”competencias reais” e que sexa o propio sector quen “marque a axenda”, así como reforzar a participación dos profesionais e da cidadanía nos órganos de goberno das institucións culturais. Vozmediano apostou tamén por establecer «códigos de boas prácticas” que garantan criterios claros para a dirección dos centros, a independencia artística e o recoñecemento do traballo profesional, e por incorporar mecanismos de “avaliación independente e acreditación dos museos”, vinculados ao cumprimento de estándares de calidade e, nalgúns modelos internacionais, ao financiamento público. Neste sentido, subliñou que “a vixilancia que os cidadáns exercen sobre os museos só é efectiva se atopa foros con capacidade de “enforcement” e reclamou unha maior implicación social na xestión das institucións culturais. “A tarefa é inmensa. Tócanos a todos protestar e propoñer para conseguir avances”, concluíu.
Manuel Olveira situou a actual crise dos espazos expositivos nun proceso iniciado coa crise de 2008, marcado pola perda de capacidade das institucións públicas e polo crecente peso das iniciativas privadas na xestión pública e puxo o exemplo nas colección. Ademais, chamou a reflexionar sobre os seus efectos na pluralidade dos relatos artísticos. Natalia Balseiro defendeu modelos de participación cidadá estruturada e remunerada, como os laboratorios e procesos de deliberación, e advertiu de que “a participación hai que pagala, como outro traballo calquera”. Pedro de Llano centrou a súa intervención no CGAC e lembrou o traballo desenvolvido durante anos arredor da súa colección, que xa levara a un grupo de profesionais a reclamar un plan museolóxico. Neste sentido, sinalou que “o CGAC é un museo e un centro de arte” e que a colección debe constituír un dos seus núcleos fundamentais, ao tempo que reclamou “plans a longo prazo que otorguen estabilidade e eviten inxerencias políticas que ”. As conclusións dos traballos e debates desenvolvidos nos últimos anos apuntaban xa á necesidade dun plan museolóxico desenvolvido de forma participada e dun marco estable que garantise a continuidade do proxecto máis aló dos ciclos políticos e das distintas direccións. De Llano defendeu ademais un modelo no que “a identidade dos museos non pode depender das persoas” que os dirixen, senón de equipos profesionais, investigación e proxectos plurais e verificables. Pola súa banda, Roberto Pascual reivindicou unhas políticas culturais públicas transformadoras, baseadas na equidade, a coordinación entre institucións, a planificación e a participación, fronte á desregulación, e subliñou a necesidade de preservar os centros culturais como espazos de memoria, cohesión, pensamento crítico e encontro.
O informe final
Esta segunda xornada dá continuidade ao encontro celebrado o pasado 14 de xullo, no que representantes de asociacións profesionais, institucións culturais, universidades e diferentes ámbitos das artes visuais analizaron a situación dos espazos expositivos galegos e, en particular, os modelos de gobernanza e os procedementos de selección das direccións das institucións culturais. As conclusións daquela primeira sesión apuntaron á necesidade de reforzar os mecanismos de diálogo entre o sector e as administracións, avanzar cara a modelos de gobernanza con maior autonomía e participación e garantir a transparencia nos procesos de selección. Entre as propostas formuladas figuraron a creación dunha mesa sectorial permanente que funcione como canle estable de interlocución entre o sector das artes visuais e as administracións, a recuperación dun plan director para o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), o reforzo da autonomía das institucións culturais, a aplicación efectiva do Código de Boas Prácticas e a incorporación de mecanismos de transparencia nos procesos de selección. Tamén se sinalou a conveniencia de analizar outros modelos de gobernanza existentes en museos nacionais e noutras comunidades autónomas, así como de reforzar a profesionalización e a planificación estratéxica dos centros culturais. Entre este tempo 11 entidades que participaron no encontro presentaron un recurso administrativo.
As conclusións das dúas xornadas e as achegas recibidas a través do cuestionario servirán de base para a elaboración dun informe final previsto para o último trimestre de 2026. O documento contará cunha primeira parte de diagnose e unha segunda de carácter propositivo, coa intención de formular recomendacións tanto sobre os modelos de selección e xestión das institucións culturais como sobre os mecanismos de interlocución necesarios para a definición, execución e seguimento das políticas culturais públicas.





