Durante dous días o MARCO de Vigo acollerá propostas cinematográficas que, desde perspectivas e contextos diferentes, recuperan historias de mulleres e formas de escritura, resistencia, participación e transformación social que permiten revisar as narrativas do pasado desde unha mirada feminista.
A programación arrinca o venres 25, ás 18:30 horas, coa presentación da edición e a proxección de Crías (2026), de Xiana do Teixeiro. O filme, de 122 minutos, parte de ducias de diarios íntimos escritos durante a adolescencia para explorar o que existe de colectivo na escritura privada das mulleres. A película cuestiona os modos tradicionais de construír o arquivo e recupera esas escrituras persoais como unha posible «contra biografía» colectiva da adolescencia feminina. Ao remate da proxección, terá lugar un coloquio coa directora.
A actividade continuará o sábado 26, ás 11:00 horas, cun obradoiro impartido tamén por Xiana do Teixeiro baixo o título «Eu non escribín iso, pero encantaríame telo escrito». A actividade, con capacidade para 15 persoas e dirixida a partir dos 12 anos, propón unha aproximación participativa á escritura íntima a partir da investigación desenvolvida en Crías. A través de exercicios de lectura, escritura e reflexión compartida, o obradoiro afondará no potencial colectivo e político das prácticas íntimas e na súa relación co xénero.
A programación cinematográfica do sábado pecharase ás 19:00 horas cunha sesión que establece un diálogo entre Galicia e Portugal a través de dúas obras centradas na memoria, a emigración, o territorio e as loitas das mulleres. Proxectarase, en primeiro lugar, Cienfuegos, 1913 (2008), de Margarita Ledo Andión, unha peza de 15 minutos que aborda a emigración galega a Cuba e o sostemento da historia a través dos corpos e das experiencias das mulleres, nun contexto marcado pola desigualdade na posesión da terra, os foros e a pobreza estrutural. A continuación poderá verse Mulheres, Terra, Revolução (2025), de Rita Calvário e Cecília Honório, un documental de 58 minutos que recupera as voces das mulleres rurais portuguesas protagonistas das loitas pola terra e dos procesos de transformación social vinculados á Revolución. Agricultoras, cooperativistas e xornalistas reconstrúen unha historia de resistencia, emancipación e construción de poder popular na que a participación das mulleres adquiriu unha dimensión política decisiva. Ao finalizar as proxeccións, celebrarase un coloquio con Bruno Tiago Jesus Madeira, da Universidade do Minho.
Un diálogo transfronteirizo arredor das memorias das mulleres
O Ciclo de Cinema Galego-Portugués naceu en 2018 en Braga co propósito de poñer en diálogo as cinematografías e as experiencias culturais de Galicia e Portugal, cunha atención especial ás mulleres e ás relacións entre patrimonio, memoria e territorio. Ao longo das súas oito edicións pasou por Braga, Vigo, Arcos de Valdevez, Verín, Guimarães, Tui e Ponte de Lima, consolidándose como un espazo de reflexión transfronteiriza sobre as historias compartidas e as diferentes formas de construír e transmitir a memoria.
Nesta edición, o programa articúlase arredor de dúas formas complementarias de recuperar voces e experiencias femininas: a escritura íntima como arquivo colectivo e político, a través de Crías, e a recuperación da memoria das mulleres vinculadas á terra, á emigración e ás transformacións sociais, mediante Cienfuegos, 1913 e Mulheres, Terra, Revolução.


