NOTICIA

----

Unha xornada reflexiona en San Simón sobre o futuro da Memoria Democrática

O Consello da Cultura Galega (CCG), coa colaboración do Concello de Redondela, organiza este venres 2 de outubro en San Simón unha nova edición de *Seíam’eu... en San Simón*, que nesta ocasión leva por título *E agora que? O futuro da Memoria Democrática*. A xornada, coordinada por Emilio Grandío, propón un espazo de reflexión e diálogo arredor das políticas de memoria desenvolvidas en Galicia, da recuperación das vítimas e dos lugares de memoria, así como dos novos retos para a transmisión da memoria democrática, especialmente entre as xeracións máis novas. A xornada non se emite en directo pero será gravada e os vídeos subiranse ao web coporativo e á nosa canle de YouTube.

A xornada parte da necesidade de revisar o traballo realizado ata o momento para abordar, desde unha perspectiva crítica e construtiva, os retos que se presentan no futuro. A investigación histórica, a recuperación das vítimas, a conservación e divulgación dos lugares de memoria, a educación ou o papel das novas formas de comunicación estarán entre os eixos dun programa que pretende abrir novas vías para achegar a memoria democrática á sociedade.

O programa da mañá comezará coa intervención de Zoraida Hijosa Valdizán, directora xeral de Atención ás Vítimas e secretaria de Estado de Memoria Democrática do Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática, que abordará as iniciativas de Memoria Democrática relacionadas coa atención e axuda ás vítimas. A perspectiva galega estará presente na intervención de Anxo M. Lorenzo, director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, sobre a Memoria Democrática en Galicia. A continuación, Roxelio Guillerme Pérez Agulla, director do Arquivo e Biblioteca da Fundación Luis Tilve, e Manuel A. Fernández Pita, presidente de Memoria Histórica Democrática, achegarán a visión do asociacionismo e das entidades que traballan na recuperación da memoria. Pechará esta parte do programa Emilio Grandío Seoane, catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela, cunha intervención sobre as accións de memoria en Galicia, o seu percorrido e as perspectivas de futuro. A sesión rematará cun debate.

Pola tarde, a mesa de debate *Como se transmite a memoria hoxe en día? Iniciativas de futuro* centrarase nos novos modos de achegar a memoria democrática á sociedade. Participarán Paula Cadaveira, profesora no CPI Virxe da Cela de Monfero; Nuria López, xornalista e autora do pódcast A ferida aberta do 36; e Claudia Varela, do Consello Cívico de Meirás. A xornada pecharase despois deste diálogo sobre as posibilidades da educación, o xornalismo, os novos formatos comunicativos e a participación cidadá na transmisión da memoria.

Seíam’eu en San Simón
En 2019 o CCG e o concello de Redondela asinaron un acordo que buscaba establecer unha colaboración estable entre estas dúas entidades. Concretouse na celebración dun evento, titulado Seíam’eu… en San Simón, que aproveita a ambivalencia dese espazo tan singular para organizar actividades que teñan vínculo tanto coa época medieval como con actividades relacionadas coa memoria histórica, en recoñecemento do seu pasado como lazareto. Arrincou ese mesmo ano 2019 cun programa titulado A cultura medieval á luz das novas tecnoloxías, no que recoñecidos expertos en arte, música, patrimonio e literatura medieval analizaron as posibilidades de difusión e de investigación que ofrece a tecnoloxía sobre esta época. En 2020 suspendeuse a edición por mor da pandemia e en 2021 volveuse sobre a cultura medieval aproveitando o 800 aniversario do nacemento do Rei Sabio, cun programa que rastrexou a influencia do monarca na música galega. A temática medieval regresou en 2023 cunha xornada que aproveitou a figura de Martín Códax para profundar na música medieval.
No ámbito da memoria histórica, en 2022 abordáronse as intervencións dos exilios da Guerra Civil nunha xornada titulada Legados desde a dislocación, mentres que en 2024 se analizou a xestión dos lugares da represión franquista. En 2025, a programación centrouse nos códices medievais. A edición de 2026 recupera así a liña dedicada á memoria para formular unha pregunta sobre o seu futuro: como continuar investigando, transmitindo e incorporando a memoria democrática á construción dunha sociedade consciente do seu pasado e dos valores da convivencia democrática.