NOTICIA

----

Só unha de cada catro entidades culturais coñece a Lei de cultura inclusiva, segundo un informe do Consello da Cultura Galega

A accesibilidade cultural non parte de cero en Galicia, pero a súa implantación aínda é parcial e desigual. Esta é unha das principais conclusións do informe “Accesibilidade cultural en Galicia. Diagnóstico das prácticas, capacidades e necesidades do sector”, elaborado polo Consello da Cultura Galega (CCG) e presentado esta mañá na sede do CEGADI pola presidenta da institución, Dolores Vilavedra; o coordinador do documento, Häkan Casares, e mais o presidente do CERMI, Ramón Sestayo. Segundo o estudo, a accesibilidade física é a medida máis estendida, mentres que a comunicación accesible, os formatos adaptados, os protocolos internos e a inclusión laboral teñen unha presenza menor. Tamén sinala que as entidades demandan financiamento, pero tamén asistencia técnica, formación e recursos prácticos para converter as actuacións puntuais nunha accesibilidade máis transversal.

O estudo —que parte dun bloque específico do Barómetro da cultura galega 2026, no que participaron 829 entidades culturais— ofrece unha fotografía dun sector en que xa existe unha base importante de prácticas, pero no que aínda hai marxe para avanzar cara a unha accesibilidade máis planificada, transversal e adaptada ás distintas realidades das entidades. O 80,3 % delas declara ter implantada algunha medida de accesibilidade, pero só o 29,2 % dispón de tres ou máis medidas. Ao mesmo tempo, apenas o 24 % afirma coñecer a Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia e dispor da información que lle compete. Identifica así unha fenda entre a práctica e o coñecemento operativo da norma. Hai entidades que xa aplican medidas de accesibilidade sen coñecer suficientemente a lei e as súas implicacións concretas. De feito, entre as que declaran non coñecer a norma, o 74,7 % xa aplica algunha medida. Segundo o documento, o reto é ordenar, ampliar e acompañar as prácticas que xa existen para que a accesibilidade non dependa unicamente da experiencia, da boa vontade ou das posibilidades particulares de cada organización.

Unha realidade diferente segundo os ámbitos da cultura
A presenza da accesibilidade tamén varía segundo o tipo de actividade cultural. Os museos e os centros museísticos son os que declaran un maior contacto con públicos con necesidades de accesibilidade: o 93,9 % recibe estes públicos polo menos ocasionalmente e o 61,2 % faino habitualmente ou case sempre. Tamén presentan valores elevados as librarías, as artes escénicas, a educación cultural, as fundacións e asociacións culturais e as bibliotecas.

O informe advirte, porén, que estes datos miden o contacto declarado cos públicos e non o grao de accesibilidade de cada sector, polo que deben interpretarse como unha primeira aproximación ás diferentes realidades do tecido cultural.

Da rampla á comunicación, os contidos e a organización
A análise mostra tamén que as medidas máis visibles e asociadas á adaptación dos espazos son as máis estendidas. A accesibilidade física está presente no 57,6 % das entidades, seguida da web ou comunicación accesible, cun 39,9 %, e dos formatos accesibles nos contidos, cun 35 %. Teñen menor presenza os protocolos ou guías internas para o persoal, co 25,3 %, e as medidas de inclusión no emprego, co 20,3 %. Segundo o informe, estes datos apuntan á necesidade de entender a accesibilidade como algo que vai máis alá da eliminación de barreiras físicas. Unha experiencia cultural accesible depende dunha cadea en que intervén a información, a comunicación, o acceso aos espazos, os contidos, a atención ao público e a propia organización interna.

As dimensións das entidades tamén importan
O informe constata que a capacidade organizativa condiciona a implantación das medidas. Entre as entidades con unha ou dúas persoas empregadas, o 20,7 % declara contar con tres ou máis medidas, fronte ao “47 % das que teñen máis de dez persoas empregadas”. A media de medidas empregadas pasa de 1,49 a 2,45. Esta diferenza axuda a explicar por que non todos os axentes culturais poden abordar a accesibilidade cos mesmos instrumentos.
As entidades con maior estrutura poden precisar diagnósticos técnicos ou intervencións complexas, mentres que as pequenas organizacións e os profesionais autónomos poden necesitar orientacións sinxelas, asesoramento directo, formación breve, modelos de protocolos, directorios de provedores ou axudas adaptadas á súa escala.

Financiamento, pero tamén coñecemento e acompañamento
O custo ou financiamento é a principal dificultade sinalada polas entidades para avanzar en accesibilidade, cun “31,7 %, seguido das limitacións dos espazos ou infraestruturas, cun 26,9 %, e da falta de coñecemento técnico ou de provedores especializados, cun 16,1 %”. En consecuencia, as entidades demandan principalmente axudas económicas (42,8 %), pero tamén asistencia técnica ou acompañamento (19,9 %) e formación e recursos prácticos, como guías ou protocolos (19,1 %).

O informe sinala así que a accesibilidade cultural non se resolve cun único instrumento: o financiamento resulta necesario, pero pode ser insuficiente se non se acompaña de coñecemento aplicado, ferramentas, provedores especializados e relación cos colectivos e persoas usuarias.
Medir para mellorar

O informe propón finalmente avanzar cara a un sistema de indicadores máis completo, que non mida unicamente se unha entidade ten ou non unha determinada medida. A accesibilidade efectiva require coñecer tamén se esas medidas se utilizan, que experiencia producen nos públicos, que barreiras permanecen e que capacidade teñen as entidades para aprender e mellorar.

Neste sentido, medir mellor non se formula como un exercicio burocrático, senón como unha ferramenta para orientar prioridades, avaliar as políticas públicas e facer efectivo o dereito de acceso á cultura.