Investigadores e investigadoras, compañeiros de laboratorio e de campañas oceanográficas, discípulos, colaboradores internacionais, amizades e familiares participaron nesta obra que pretende ser un retrato colectivo dunha científica que, alén dos seus resultados cientíicos, deixou unha fonda pegada nas persoas e nas institucións coas que traballou. No marco da presentación do libro houbo unha mesa redonda na que participaron os investigadores do IIM Carmen González e José Luis Garrido; e o sobriño da homenaxeada, Miguel Fernández. Moderouna Gabriel Rosón, catedrático da facultade de Ciencias do Mar da Universidade de Vigo, coordinador da publicación xunto ao académico e investigador do IIM Fiz Fernández.
Das rías galegas ao océano global
Aida Fernández Ríos comezou investigando as rías galegas, ecosistemas de elevada produtividade nos que estudou a relación entre circulación oceánica, nutrientes e produción biolóxica, así como a composición da materia orgánica mariña e do fitoplancto. Estes traballos contribuíron a afondar no coñecemento da hidrografía e da bioxeoquímica das rías e sentaron bases metodolóxicas que posteriormente levaría a escalas oceánicas.
A súa investigación foi ampliándose progresivamente cara ao Atlántico Norte e ao estudo das masas de auga, dos seus movementos e das transformacións físicas e químicas que experimentan. Esta evolución permitiulle conectar fenómenos observados nas costas galegas cos grandes procesos que regulan o funcionamento do océano e o sistema climático terrestre. O volume salienta precisamente esta capacidade para relacionar o local e o global, unha das características máis singulares da súa obra.
Un dos grandes eixes da súa investigación foi o estudo do dióxido de carbono no océano. Aida impulsou o desenvolvemento de GASPAR, un sistema pioneiro para a medida continua e automática do CO₂ na superficie do mar, capaz de xerar longas series de datos e que contribuíu á construción do SOCAT, o atlas internacional de observacións de CO₂ superficial. O libro explica como estas ferramentas e redes de observación foron fundamentais para avanzar no coñecemento do intercambio de carbono entre o océano e a atmosfera. A investigación sobre o carbono antropoxénico levou a Aida a participar en estudos que demostraron a capacidade do océano para absorber unha parte substancial das emisións de CO₂ xeradas pola actividade humana. O océano actúa así como un importante amortecedor do cambio climático, pero esta función ten tamén consecuencias sobre a súa propia química. É neste punto onde cobra especial relevancia outra das grandes liñas da súa carreira: a acidificación oceánica. O volume explica que a absorción de CO₂ modifica progresivamente a química da auga do mar, reducindo o pH e a concentración de ións carbonato, fundamentais para numerosos organismos mariños. Trátase, ademais, dun fenómeno especialmente difícil de detectar porque os cambios poden ser pequenos fronte á variabilidade natural do océano e esixen medicións moi precisas e series de observación prolongadas.
Entre as contribucións máis relevantes da científica está o estudo da propagación do sinal do carbono antropoxénico no Atlántico e a demostración de que a acidificación non se limita ás capas superficiais, senón que pode seguir as rutas de circulación das masas de auga e alcanzar o interior do océano. O traballo publicado en 2015 converteuse nunha referencia internacional para comprender este proceso.
Unha carreira construída desde o laboratorio
O libro presta tamén especial atención á singularidade do percorrido profesional de Aida Fernández Ríos. Comezou en 1972 como auxiliar de investigación no Instituto de Investigaciones Pesqueras de Vigo e foi avanzando progresivamente pola carreira científica mentres completaba a súa formación universitaria. Esta orixe marcou a súa maneira de entender a investigación: a importancia da precisión, da calidade do dato, da reproducibilidade e do traballo técnico.
A súa carreira levouna ata as máis altas responsabilidades científicas. Entre 2006 e 2011 foi directora do Instituto de Investigacións Mariñas, converténdose na primeira muller en ocupar este cargo. Desde esa responsabilidade impulsou o fortalecemento das infraestruturas, os servizos científico-técnicos e a coordinación interna do centro, cunha especial atención ao persoal técnico e ás estruturas que sosteñen o traballo investigador.
Esta experiencia explica tamén o papel que desempeñou na creación de redes e equipos de colaboración internacional. As persoas que escriben no libro destacan unha maneira de exercer o liderado baseada na escoita, na cooperación e na capacidade para integrar perspectivas diferentes.





