NOTICIA

----

Un acordo con Alingua impulsará a promoción e o uso do galego

A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Dolores Vilavedra, e o presidente da Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega (Alingua), Ramón Varela, asinaron esta mañá un protocolo de colaboración para impulsar accións conxuntas de promoción e normalización lingüística. O acordo establece un marco de colaboración para desenvolver actividades culturais, elaborar materiais de divulgación e promover investigacións sobre a situación do galego. Entre as primeiras iniciativas figura un estudo sobre a oferta e a demanda de produtos e servizos en galego para a crianza, que terá como punto de partida un encontro o vindeiro 7 de novembro en Santiago.

O acordo establece un marco de cooperación entre ambas as entidades que permitirá programar actividades culturais, intercambiar proxectos e materiais, elaborar recursos didácticos e divulgativos e desenvolver traballos de investigación sobre a situación da lingua galega. O protocolo contempla tamén a posibilidade de colaborar con outras institucións e prevé a creación dunha comisión de seguimento, integrada por representantes das dúas entidades, para coordinar e avaliar as actuacións que se leven a cabo.
Un estudo sobre a oferta e a demanda en galego para a crianza
Unha das primeiras liñas de traballo será a elaboración, por parte do Observatorio da Cultura Galega, dun estudo que permita coñecer mellor as necesidades das familias e conectalas coa oferta de produtos, servizos e contidos en galego destinados á crianza.

O proxecto dá continuidade a dous traballos previos do Consello da Cultura Galega. O primeiro, Oferta, demanda e prácticas culturais nos menores de 16 anos (2022), analizou cuestións como os hábitos culturais dos fogares, os usos lingüísticos, os consumos e a valoración da oferta existente. O segundo, Oferta e demanda de produtos e servizos culturais en galego para a infancia e mocidade (2025), centrouse na percepción das entidades culturais sobre os recursos dispoñibles e as necesidades deste público.

A primeira fase deste estudo terá lugar o vindeiro 7 de novembro de 2026 en Santiago de Compostela, que acollerá unha sesión de traballo na que participarán familias do programa Apego. Nesta xornada, coordinada dende ALingua, organizarase con roldas comunicativas, nas que familias abordarán as súas experiencias arredor dos consumos cotiáns e de lecer, analizando aspectos clave como a dispoñibilidade, o prezo, a calidade ou a adecuación dos produtos e servizos ás diferentes idades.

A información recollida nesta xornada, xunto cos resultados da posterior consulta en liña, servirá de base para conectar as necesidades das familias co tecido produtor e empresarial.

Un marco estable de colaboración
O protocolo responde á coincidencia de intereses entre o Consello da Cultura Galega, institución que ten entre os seus fins a investigación, a conservación, a defensa e a difusión da cultura e da lingua galega, e Alingua, asociación constituída en 2019 para promover, coordinar e impulsar accións destinadas a incrementar o uso do galego.

O documento ten carácter de acordo marco e establece que cada programa concreto de colaboración contará cun proxecto específico, no que se definirán os obxectivos, as fases de traballo, os recursos e a previsión de participantes. A súa vixencia inicial será dun ano, con posibilidade de prórrogas anuais ata un máximo de tres, o que permitirá dar continuidade ás iniciativas compartidas e abrir novas vías de cooperación.