NOTICIA

----

O ciclo «A cultura como refuxio» inaugúrase cunha xornada sobre cultura e reivindicacións feministas

O Consello da Cultura Galega (CCG) inaugura este luns 19 de outubro (a partir das 16:30 horas) o ciclo de pensamento e cultura “A cultura como refuxio” que pretende abrir un espazo de reflexión compartida arredor do papel que desempeña a cultura nun contexto contemporáneo marcado pola incerteza e as desigualdades, pero tamén pola reivindicación da identidade propia. A primeira sesión, titulada “O papel da cultura na (des)igualdade”, conta coa participación de Nuria Varela, Yolanda Domínguez e María Lapido e reflexiona sobre o papel da creación artística fronte ás desigualdades de xénero. A sesión coordinada por Uxía Caride é presencial e pode seguirse en directo no web do CCG e a canle de YouTube.

Esta primeira sesión pon o foco na cultura como espazo de resistencia e liberdade para as mulleres. En contextos profundamente discriminatorios, a creación cultural serviu de refuxio e parapeto para desenvolverse á marxe dos estereotipos de xénero e das discriminacións. A xornada propón analizar como a cultura, os medios de comunicación e os relatos simbólicos poden tanto reproducir as desigualdades como contribuír a cuestionalas e transformalas.

A primeira intervención, O papel da cultura na (des)igualdade, correrá a cargo de Nuria Varela (Turón, Asturias, 1967), autora de obras de referencia como Feminismo para principiantes e A cultura da violación. A súa traxectoria céntrase na análise crítica das desigualdades de xénero e do papel que desempeñan a cultura, os medios de comunicación e os discursos sociais na súa construción e perpetuación.

Yolanda Domínguez (Madrid, 1977) presentará Curadoría crítica e transformación cultural. Activista e artista visual especializada en comunicación e xénero, explora as relacións entre cultura visual, tecnoloxía e poder, con especial atención á representación das mulleres e aos estereotipos que condicionan a súa presenza no imaxinario colectivo. É autora de El maldito estereotipo (2019) e Las mujeres facturan (2024), e realizou intervencións artísticas como Poses (2011), Registro (2014) e Niños vs. Moda (2015).

A terceira intervención, Divulgación artística desde o feminismo, estará a cargo de María Lapido (Ferrol, 1988), ilustradora que combina a creación artística coa docencia e a divulgación desde unha perspectiva feminista. O seu traballo busca contribuír a transformar a representación das mulleres a través das imaxes e da expresión artística. Entre as súas publicacións figuran Galegas na ciencia e Galegas nas artes, realizadas con Isabel Blanco, así como O xardín das sete portas, con Concha Castroviejo. Tamén desenvolveu proxectos artísticos como Diversas (2018), Todas e Ningunha (2019) e Improdutivas (2021).

A xornada rematará cun debate moderado por Uxía Caride, que permitirá poñer en común as reflexións das relatoras e afondar nas posibilidades da cultura como ferramenta de transformación social. Esta primeira cita abre así un espazo de diálogo para pensar como a creación, a divulgación e a revisión crítica dos discursos e das imaxes poden contribuír a unha sociedade máis igualitaria.