NOTICIA

----

Unha xornada reúne o panorama musical galego actual para analizar o papel da música na normalización da lingua

9Louro, xmaseda, O Rabelo, Laura LaMontagne, Hugo Guezeta, Grande Amore, Fátima Pego, Ortiga, Antía Muíño, MØU, Marta Álvarez, Faia Díaz, Mini, Xurxo Souto e Guadi Galego son algúns dos nomes que compoñen o panorama musical galego actual. Todos eles participan nos XXVIII Encontros para a Normalización Lingüística que organiza o Centro de Documentación Sociolingüística do Consello da Cultura Galega (CCG), que analizarán o potencial da música para conectar o galego coa mocidade e ampliar a comunidade de falantes. A xornada desenvolverase na Facultade de Ciencias da Información e poderá seguirse en directo desde o web do CCG e a canle de Youtube

Nos últimos anos está a emerxer unha nova escena musical en galego que consegue conectar coa mocidade a través de linguaxes, códigos estéticos e canles de difusión contemporáneas. Propostas de música urbana como a de 9Louro, xunto co impacto de fenómenos como Tanxugueiras, amosan a capacidade da música para situar o galego en novos contextos de consumo cultural e presentalo como unha lingua viva, actual e vinculada ás prácticas xuvenís. Esta edición dos Encontros para a Normalización Lingüística, o Consello da Cultura Galega propón situar a música no centro do debate sobre o futuro social do galego, explorando as posibilidades que ofrece a creación contemporánea para reforzar a presenza da lingua, favorecer novos vínculos de pertenza e conectar coas xeracións máis novas.

Un programa con voces de diferentes xeracións e estilos
A sesión abre co panel Da raíz á vangarda: continuidade e cambio na música en galego, onde participarán Mini, Xurxo Souto, Guadi Galego e Faia Díaz, integrante de De Vacas. Coordinado e moderado por Manuel Maseda, o encontro analizará a evolución da música en galego e o diálogo entre tradición e innovación.

O segundo panel, Crear en galego: entre o compromiso, o mercado e a identidade, coa participación de Marta Álvarez, de De Ninghures; Hugo Guezeta; Pauliña e Grande Amore. Baixo a coordinación e moderación de Bernardo Penabade, abordarase a relación entre a creación musical, as condicións da industria cultural e a elección do galego como lingua de expresión artística.

A sesión continúa pola tarde co panel Difusión, redes e neofalantismo: como medra a comunidade, no que participarán Fátima Pego, Ortiga, Antía Muíño e MØU, de Dios Ke Te Crew. Coordinado e moderado por Luz Castro, este espazo centrarase nas canles de difusión e nas dinámicas que permiten crear comunidade arredor da música en galego.

Pecha co panel Música urbana e adolescencia: socialización lingüística en novos espazos, reunirá xmaseda, O Rabelo, Laura LaMontagne e 9Louro. Coordinado e moderado por Ana Iglesias, afondará na capacidade dos novos estilos musicais para conectar co público adolescente e abrir vías de incorporación do galego ás súas prácticas culturais e lingüísticas. A xornada rematará ás 19:15 horas cunha actuación de xmaseda.

Unha cita estable no calendario
Os Encontros para a Normalización Lingüística, que o CCG organiza desde 1993, consolidáronse como un espazo de reflexión, diálogo e propostas arredor da lingua galega, coa vontade de analizar a súa situación e promover accións que impulsen o seu uso social. En edicións anteriores abordáronse temas como a lingua nas exequias, na economía e na sustentabilidade lingüística, na arte como ferramenta de construción social, ou a transmisión interxeracional do galego.

A xornada está organizada por unha comisión integrada por Luz Castro Pena, David Cobas Medín, Mónica Fernández Valencia, Ana Iglesias Álvarez, Manuel Maseda Deán, Rosa Moreiras Cuñarro, Ramón Nicolás Rodríguez, Bernardo Penabade Rei, Rosario Pérez Magdalena e Xaime Varela Sieiro.