Un dos asuntos abordados foi o patrimonio documental. O Consello da Cultura Galega trasladou o seu interese en contribuír á difusión e á posta en valor de fondos relacionados coa emigración galega, nomeadamente con materiais conservados na provincia, vencellados a Rodolfo Prada, Alberto Vilanova e Eduardo Blanco Amor. entre outros. Neste sentido, abordouse a posibilidade de explorar vías para a dixitalización e divulgación destes materiais a través do Arquivo da Emigración Galega do CCG, co obxectivo de facilitar o seu coñecemento e acceso.
Durante o encontro tamén se tratou foi a conmemoración, en 2027, do 25 aniversario do pasamento do ourensán Carlos Casares, que presidiu o CCG. Ambas as partes coincidiron no interese de promover actividades que contribúan a difundir a súa figura e o seu legado, e a Deputación manifestou a súa disposición a colaborar nas iniciativas que se impulsen con este motivo.
Outro dos ámbitos de colaboración identificados foi a posibilidade de celebrar na provincia de Ourense en 2028 unha edición do concerto “No bico un cantar”, proxecto do Consello da Cultura Galega que reúne música e poesía e que leva a distintos lugares de Galicia a celebración da cultura e da lingua galegas.
Finalmente, as dúas institucións amosaron a súa disposición a estudar novas posibilidades de cooperación arredor dos espazos e recursos culturais da Deputación, así como a organización de exposicións e outras actividades promovidas polo Consello da Cultura Galega.




