----

A presidenta rende contas no Parlamento e detalla a programación de 2027

A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Dolores Vilavedra, compareceu na tarde deste mércores na Comisión 3ª de Economía, Facenda e Orzamentos, do Parlamento de Galicia, no marco das sesións informativas en relación co Proxecto de Lei de Orzamentos. O orzamento da institución para o próximo ano é de 3.531.091 euros, un 4,51%máis que en 2026. Na súa primeira comparecencia como presidenta, Vilavedra detallou que neste ano se contabilizarán 76 actividades, 7 publicacións, 19 informes e porá en rede máis de dous mil fondos documentais relativos ás súas áreas de traballo. Ao tempo, avanzou que para o vindeiro ano a institución explorará novos formatos, reforzará a asesoría con novas liñas de informes e atenderá ás figuras de Carlos Casares, polo seu 25 cabodano, e de Xosé Neira Vilas, homenaxeado co Día das Letras Galegas. Os voceiros dos grupos parlamentarios expresaron o seu recoñecemento ao labor da institución.

Na súa intervención parlamentaria, Dolores Vilavedra presentou as principais liñas da programación de actividades. O CCG explorará cambios na súa liña de programación, encamiñados a atender as novas demandas de consumo cultural, reducindo o volume de actividades e explorando novos formatos. Haberá novas edicións de formatos xa consolidados, coma o Concerto das Letras Galegas e o programa didáctico-musical No bico un cantar, que se celebrarán nas terras do Deza e prestarán especial atención á figura e ao legado de Xosé Neira Vilas. Outra das liñas de acción será a posta en marcha dun plan de dixitalización e difusión na rede dos fondos documentais vinculados ás liñas de traballo da institución. O acceso á cultura e a accesibilidade constituirán tamén outra das liñas prioritarias. En canto á acción exterior estableceranse contactos con outras entidades, desenvolveranse actividades de mentoring e procurarase ampliar as parcerías para contribuír en maior medida á internacionalización da cultura galega. Ademais, reforzarase o apoio e a colaboración cos Centros de Estudos Galegos. Tamén se traballará no deseño de novos formatos de difusión, abrirase unha liña de audiolibros e potenciarase a elaboración de podcasts, coa finalidade de achegarse a novos públicos.

No ámbito da asesoría, manterase en 2027 a liña de traballo habitual da institución, centrada na avaliación do sistema cultural, con estudos como o Barómetro da Cultura Galega e as conxunturas, e ampliarase o foco para incorporar estudos complementarios. En 2027 realizarase un informe sobre a situación da lectura en Galicia, que se presentará en 2028 e que se atopa actualmente na fase de deseño dunha metodoloxía específica.

A actividade de 2026
No conxunto do ano 2026, entre as actividades realizadas ata o momento e as previstas ata finais de ano, levaranse a cabo 76 actividades, ás que se suman outras 5 en colaboración con outras entidades. Este ano puxéronse en marcha tres novos ciclos. Un deles, dedicado ao patrimonio e titulado “Soster o noso”, creou un espazo de reflexión e achegamento arredor do patrimonio dos lugares, coa participación de persoas que o coñecen de primeira man e traballan para mantelo vivo. Outro titulouse “A cultura como refuxio”, e un terceiro, “Migracións e dereitos culturais”, puxo en marcha catro escoitadoiros para coñecer como viven os seus dereitos culturais as comunidades migrantes que forman parte da nosa sociedade. A actividade deste ano caracterizouse pola variedade de formatos, con xornadas, propostas escénicas, concertos, mesas de debate e pezas audiovisuais, entre outras tipoloxías. O 38 % da actividade desenvolvida este ano tivo lugar fóra da sede do CCG e abranguía unha ampla diversidade de ámbitos, cunha atención especial á conservación e difusión do patrimonio cultural galego.

Ao longo deste ano desenvolvéronse 11 exposicións, tres delas de nova creación: Emigrantas, que se achegou ao fenómeno da emigración desde unha perspectiva feminina; Eu tamén navegar. As ondas do feminismo galego, que documentou 50 anos de Movemento Feminista Organizado Galego (MFOG; en colaboración con outras entidades); e De aquí o xerme saíu. Presenzas galegas de Camões, realizado en colaboración con outras entidades. En total realizáronse 19 itinerancias destas mostras.

En materia de asesoría, elaboráronse un total de 19 informes, entre os que destaca o Informe sobre iniciativas independentes de apoio á investigación e creación en danza e artes performativas, realizado en colaboración co Centro de Arte Fundación María José Jove. O Observatorio da Cultura Galega realizou oito informes, entre os que destacan o Barómetro da Cultura Galega e outro sobre a música popular en Galicia. Antes de finalizar o ano presentarase un estudo sobre a xestión dos espazos museísticos en Galicia. Ademais, en cumprimento dos principios de transparencia, este ano comezouse a poñer á disposición da cidadanía os informes elaborados pola institución no marco dos procedementos de declaración de Ben de Interese Cultural e doutros procedementos administrativos.

A acollida dos grupos parlamentarios
Os grupos parlamentarios destacaron, nas súas respectivas quendas de intervención, o traballo en materia de asesoramento aos poderes públicos, así como as contribucións e os proxectos da institución desenvolvidos neste ano. A deputada Silvia Longueira, do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, puxo en valor o traballo desenvolvido pola institución que ofrece “propostas autorizadas feitas por profesionais en tempo real”. Destacou a contribución e os resultados do proxecto participativo Un país coa súa lingua con propostas para a normalización do idioma.

A deputada Mercedes Queixas, do Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego, subliñou a necesidade dun incremento orzamentario. Por último, o deputado José Luis Ferro, do Grupo Parlamentario Popular de Galicia, destacou a relevancia dunha “institución que nace do Estatuto de Galicia e ten unha traxectoria de máis de catro décadas na defensa, promoción dos valores culturais do pobo galego”.