----

Asinado o primeiro convenio coa FEGAMP, que permitirá estudar a realidade cultural municipal

A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Dolores Vilavedra, e o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), Alberto Varela, asinaron este martes, na sede do CCG, o primeiro convenio marco entre ambas as dúas entidades, que permitirá desenvolver actividades de colaboración conxunta. "Congratulámonos con esta iniciativa porque os concellos son interlocutores estratéxicos", apuntou Vilavedra tras a sinatura. Unha idea que reforzou Varela ao sinalar que "somos a Administración máis próxima á cidadanía e a que máis impulsa a cultura". O convenio estréase co estudo de investigación titulado Cultura no territorio: o ecosistema cultural municipal en cifras, que permitirá coñecer a realidade cultural dos concellos galegos.

"Abrimos esta colaboración cun informe que nos permitirá coñecer o estado das infraestruturas, a dinamización da actividade asociativa… En resumidas contas, radiografar e estudar a realidade galega", apuntou Vilavedra. O estudo ofrecerá unha fotografía da realidade cultural dos 313 municipios galegos. Nel abordaranse cuestións como a planificación e a gobernanza cultural, as infraestruturas e os equipamentos, a actividade cultural e a accesibilidade, así como outros ámbitos menos coñecidos, entre eles o patrimonio e a memoria, os dereitos culturais e o acceso á cultura ou a innovación dixital. "Este estudo, que levará a cabo o Observatorio da Cultura Galega, permitirá detectar tendencias e necesidades", engadiu.

Para iso, o CCG deseñará unha enquisa de recollida de datos que a FEGAMP trasladará aos concellos galegos. A partir da información obtida, elaborarase un informe anual que permitirá identificar patróns estruturais, diferenzas entre tipos de contorna e tendencias, así como analizar a súa evolución ao longo do tempo. O convenio terá unha vixencia inicial dun ano, prorrogable. Para Alberto Varela, esta iniciativa permitirá "aos concellos, sobre todo aos pequenos, que teñen un gran mérito, ter un referente como o CCG para a asesoría das súas actividades".

O convenio contempla tamén a organización conxunta de cursos, publicacións, conferencias, concertos e coloquios, así como a colaboración en proxectos culturais de interese común. Inclúe, ademais, a elaboración, edición e distribución de materiais didácticos, divulgativos e formativos; o intercambio de publicacións e a realización de traballos de investigación.